O Concello de Bueu abre provisionalmente as aulas de estudo da Biblioteca Municipal Torrente Ballester
- O horario da Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu será dende o 23 de setembro de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas
- Así mesmo, estarán dispoñibles as bibliotecas de Cela (martes e xoves de 10.00 a 13.00 horas, e préstamo telefónico) e a de Beluso (de luns a venres, de 16.15 a 20.00 horas)
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura e bibliotecas, abrirá provisionalmente a partir do 23 de setembro a Biblioteca Municipal Torrente Ballester, concretamente as aulas de estudo. Dende o consistorio habilitaranse algúns espazos das instalacións situadas no Parque Ramal dos Galos para que as persoas que o desexen poidan estudar. Así mesmo, tamén continúan abertas as bibliotecas de Cela e Beluso nun horario diferente.
Segundo salienta Carmen García, concelleira de cultura e bibliotecas, “a xubilación do bibliotecario municipal a partir do 20 de setembro obríganos a unha reestruturación pero seguimos dando servizo nas tres parroquias co persoal actual e á espera de incorporar novo”.
Así, na Biblioteca Torrente Ballester abriranse as aulas de estudo a partir do 23 de setembro en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Pola súa banda, en Cela, tamén a partir do 17 de setembro, o horario de apertura será os martes e xoves de 10.00 a 13.00 horas, e tamén se habilitará un servizo de préstamo por teléfono; e no caso de Beluso, a partir do 16 deste mes, a biblioteca estará aberta entre as 16.15 e as 20.00 horas, de luns a venres.
Paralelamente, dende o goberno local anuncian algunhas novidades nos espazos das bibliotecas. “Temos elaborado un proxecto de modernización do mobiliario co que queremos ser máis ambiciosos e adaptar a biblioteca ás demandas dos últimos anos”, salienta García. O proxecto ascende a 200.000 euros e con el adquirirase novo mobiliario nos tres andares e no que se inclúe tamén o equipamento audiovisual. Para iso estase pendente de financiamento e licitación, despois de que se solicitase unha subvención de 29.000 € á Xunta de Galicia para o equipamento audiovisual que non foi concedida. Así mesmo, tamén se está xestionando cunha empresa de mudanzas o traslado do material que hai no Centro Social para que xa estea dispoñible tamén de xeito provisional na nova biblioteca.
En canto ás actividades, a partir de outubro haberá unha nova proposta de contacontos no marco do programa “Ler conta moito”, que xa se celebrou en abril e en xuño nas tres bibliotecas e que permite achegar a lectura e os libros á cativada.