Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de solicitude das axudas para a elaboración das alfombras florais do Corpus

  • As persoas e colectivos que confeccionen tapices poderán inscribirse para obter estas subvencións, para as que se destina un crédito global de 9.000 €, divididos entre axudas directas e bonos comercio
  • O percorrido das alfombras abrangue as rúas Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo; ademais da contorna da Igrexa de San Martiño

O Concello de Bueu abre o prazo para solicitar as axudas por participación na elaboración de alfombras. Tras a publicación das bases e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), as persoas e colectivos que elaboren tapices para a festa (a partir do sábado 1 de maio ás 18 horas) poderán concorrer ás subvencións dende este martes e ata o xoves 30 de maio.

Estas axudas de participación, para as que se destina un crédito de 9.000 €, dividiranse en dúas liñas: 4.500 € repartiranse en contías económicas por participar e elaborar alfombras de tamaños 3 x 5 metros (50 €), 3 x 10 metros (100 €)  e 3 x 15 metros (150 €); a outra parte, do mesmo importe, destinarase a bonos comercio que se entregarán ás persoas participantes e coas que se reforzará o comercio de proximidade.

As axudas por participación estarán dirixidas a aquelas persoas ou colectivos que realicen as alfombras dentro do percorrido marcado para a festividade de 1,4 quilómetros, e que abrangue as rúas de Pazos Fontenla, Eduardo Vincenti, Montero Ríos, e Francisco Escáneo. Dentro desta ruta, e segundo establecen as bases, márcase a única excepción das alfombras florais realizadas na Igrexa de San Martiño de Bueu, xa que se trata do punto inicial historicamente do percorrido e onde tamén terán lugar diversas actividades vinculadas á celebración da festa.

Segundo se establece nas bases, é condición imprescindible solicitar a inscrición no rexistro xeral de entrada do Concello, ou a través da sede electrónica do Concello de Bueu (obrigatoria para persoas xurídicas).

As axudas por participación nacen co obxectivo de fomentar a elaboración de tapices florais para reforzar a ambientación das rúas e revitalizar esta tradición cunha historia que se remonta ao século XVII.

Ademais destas subvencións, o consistorio repartirá de xeito gratuíto para a elaboración de alfombras o verde, a cuncha de berberecho, o papel e xices, que se poderán solicitar no propio Concello.

A tradición das alfombras florais en Bueu

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembra a veciñanza da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.

Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.

CONVOCATORIA DAS BASES E SOLICITUDE: