Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de consulta pública previa á modificación da ordenanza de terrazas

  • Esta normativa renovará a de 2012 e as persoas ou colectivos poderán presentar as súas suxestións ata o 22 de xuño

O Concello de Bueu continúa traballando nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos, tal e como se acordou tras a aprobación do Plan Normativo no pleno do mes de abril deste ano. Así, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica publicouse un anuncio para que as persoas que o desexen poidan presentar propostas previas á elaboración e aprobación da Ordenanza Municipal reguladora de instalación de terrazas vinculadas a establecementos abertos ao público, coa que se renovará a do ano 2012.

Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 22 de xuño para achegar as súas opinións, o que poderán facer mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa”, que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.

A modificación desta normativa obedece ao incremento exponencial da actividade hostaleira na vila, que se produciu en paralelos aos espazos de carácter público que foron aparecendo ou se foron cualificando. Polo tanto, ante esta casuística, o que se pretende é revisar e adaptar a normativa para garantir a defensa do interese do espazo público e do medio ambiente urbano. Con ela resolveranse con claridade cuestións como a documentación necesaria a achegar pola cidadanía para colocar terrazas nos espazos públicos, o procedemento, prazos e trámites a seguir, as distancias, cautelas, dimensións das instalacións en relación aos espazos públicos existentes no concello, o réxime sancionador ante incumprimentos da normativa vixente, as características das instalacións en canto a forma e materiais segundo o espazo no que se localizan.

Na páxina web municipal (www.concellodebueu.gal) atópase o anuncio de consulta pública xunto a un borrador da ordenanza.