O Concello de Bueu abre este luns o prazo de inscrición no programa de ximnasias «Manténdonos en forma»
- As persoas interesadas en participar inscribiranse de dúas formas: para as ximnasias na piscina, terá que ser nas propias instalacións, e para os outros lugares, no Rexistro Xeral ou a través da Sede Electrónica
- En total ofértanse un total de 330 prazas que se reparten entre a piscina municipal, Cela, Beluso e Meiro
O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, porá en marcha a partir do 30 de setembro ‘Manténdonos en forma’, o programa de actividades físico –deportivas para a cidadanía que se desenvolverán en diversos espazos municipais, como a Piscina Municipal das Lagoas e tamén nos lugares de Beluso, Cela e Meiro. As persoas que queiran participar nel deberán inscribirse dende este luns, 9 de setembro, presencialmente e de forma individual nas instalacións da piscina en horario de 9.00 a 12.00 h e de 17 a 21.00 horas; mentres, para as ximnasias nos lugares de Beluso, Cela e Meiro, a inscrición terá que facerse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica a través dun formulario habilitado para tal fin.
Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta que “dende o Concello continuamos apostando por esta iniciativa que conta con gran acollida por parte da poboación e que achega o deporte e a saúde a moitas franxas de poboación”. O programa ofertará un total de 330 prazas, sendo 225 para a piscina, 60 para Beluso, 30 para Cela e 15 para Meiro. Ademais, e como vén sendo habitual, engadiranse 50 prazas para persoas con mobilidade reducida e Párkinson.
Ao igual ca nos últimos anos, as clases serán gratuítas e terán unha duración dunha hora. Concretamente, na piscina haberá grupos os luns e xoves ás 10, 11 e 12 horas, os martes e venres, ás mesmas horas, e os mércores e venres ás 19 e 20 horas. En Cela, as clases serán os martes e xoves ás 9 e ás 10 horas, e en Beluso, ás mesmas horas os luns e mércores. Por último, no lugar de Meiro serán os luns e mércores ás 17 horas.
Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables.
Ademais, co obxectivo de seguir con eses hábitos saudables e de poñer en valor a piscina, dende este mes de setembro, e como xa se fixo a comezos de ano, retomaranse as clases de piscina para mulleres embarazadas, impartidas de xeito gratuíto en colaboración co Centro de Saúde de Bueu. Así mesmo, estanse a organizar diversas xornadas de portas abertas para os colexios da vila, de cara a que coñezan as instalacións.