O Concello de Bueu abre esta fin de semana a área de caravanas e autocaravanas da Chadiza
- Os servizos de abastecemento e saneamento están rematando de instalarse e quedarán operativos a próxima semana
- A parcela consta de 21.161 metros cadrados e foi adquirida polo Concello con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra
O Concello de Bueu estreará esta fin de semana a área de caravanas e autocaravanas da Chadiza, situada na estrada de acceso a Beluso e nas inmediacións do antigo restaurante Canas e da pensión Lubina.
Esta parcela, que foi adquirida con cargo ás subvencións do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, consta dunha superficie de 21.161 metros cadros e durante os meses previos estiveron levándose a cabo os traballos de escavación e preparación para que esta fin de semana poida estar xa operativa. Así, as caravanas e autocaravanas poderán xa pernoctar na zona, aínda que os servizos de saneamento e abastecemento están rematando de instalarse, e quedarán operativos a próxima semana. Así o avanza Félix Juncal, alcalde de Bueu, quen tamén salienta que “se trata dun lugar idóneo e que se suma a todos os espazos para a cidadanía que estamos creando”.
Dende o consistorio adquiriuse esta parcela porque cumpre con todos os condicionantes esixidos para este uso, como son: un tamaño adecuado para este tipo de servizos, o acceso rodado a unha vía principal, que facilita a entrada e saída deste tipo de vehículos, a ubicación nunha zona próxima ao centro urbano pero sen xerar problemas de conxestión do tráfico, e a facilidade de conexión aos servizos de saneamento, abastecemento, electricidade e telefonía.
Con esta alternativa, o Concello agarda resolver un dos problemas que se vén padecendo todos os veráns ante a presenza indiscriminada destes vehículos en zonas non acondicionadas, como o caso de Cabo Udra. Precisamente, tamén nestes días se veñen de instalar uns sinais en Chan de Esqueiros e Lagos por parte de Medio Ambiente nos que se prohibe o estacionamento e a pernocta entre as 23.00 e as 9.00 horas, franxa horaria durante a que a Policía Local fará un seguimento para velar polo cumprimento das medidas adoptadas.