Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre as inscricións para os obradoiros de memoria e envellecemento activo

  • O prazo estará aberto dende o 22 ao 28 de xaneiro e os talleres serán impartidos polos centros de día Pescadoira e Contigo, e AFAMO
  • Haberá diversos grupos no Centro Social do Mar de Bueu, Casa do Pobo de Beluso, Centro de Interpretación de Agrelo e Casa da Aldea de Meiro

O Concello de Bueu arrancará en febreiro un novo curso de obradoiros de memoria para persoas maiores, un proxecto que se insire no marco do plan anual de fomento das políticas sociais activas e que goza de moito éxito. Dende o Departamento de Benestar Social anuncian que o prazo de inscrición estará aberto do 22 ao 28 de xaneiro, ámbolos dous días incluídos. Os obradoiros serán impartidos polos centros de día da vila, Contigo e Pescadoira, e pola Asociación de Apoio a Familias con Alzhéimer (AFAMO), e neles propoñeranse diversas actividades de xeito gratuíto.

O Centro de Día Pescadoira desenvolverá os Obradoiros na Casa do Pobo de Beluso e no Centro Social do Mar de Bueu (2 grupos) e o Centro de Día Terapéutico Contigo desenvolverá os Obradoiros de Memoria na aula da Biblioteca do Centro Social do Mar de Bueu (2 grupos) e no Centro de Interpretación do litoral de Agrelo (1 grupo). Para estes obradoiros a inscrición deberá facerse no Rexistro Xeral do Concello no prazo indicado. Mentres, no caso do de AFAMO, que se impartirá na Casa da aldea de Meiro, as persoas interesadas poden chamar ao 622832227.

A proposta dos obradoiros dos centros de día vai destinada a persoas de Bueu maiores de 60 anos. No caso de AFAMO, está aberta a persoas maiores de 55 anos do Concello de Bueu, con ou sen deterioro cognitivo, interesadas nas actividades de envellecemento activo; persoas diagnosticadas con Alzhéimer ou outras demencias neurodexenerativas que residan no municipio e nas áreas limítrofes; coidadores e coidadoras familiares e profesionais que precisan apoio e formación específica para mellorar a calidade dos coidados; ou a comunidade educativa e a cidadanía en xeral, que se beneficiarán das accións de sensibilización e actividades interxeracionais.

A iniciativa ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc. Tal e como apunta Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, “estes obradoiros son moi importantes para a poboación maior, pois axudan a prever deterioro da saúde mental”.

Aproposta do Centro de Día Pescadoira terá en conta unha perspectiva integral, abarcando todas aquelas áreas que teñen relación e influencia na memoria. Deste modo trataranse aspectos cognitivos pero tamén emocionais, que afectan a que a memoria funcione de maneira óptima. Abordaranse casos da vida cotiá da persoas participantes no obradoiro, para dar resposta individual e personalizada aos problemas existentes e dotalos de ferramentas para afrontalos.

Os obradoiros de memoria do Centro de Día Terapéutico Contigo están orientados a fomentar o envellecemento activo das persoas maiores, previr múltiples patoloxías e mellorar o funcionamento cognitivo, así como incrementar o benestar xeral e emocional da poboación.

O proxecto de Atención integral e Envellecemento activo de AFAMOofrece unha abordaxe integral para atender tanto ás persoas afectadas de Alzhéimer como ás súas familias. Ademais, aproveita o potencial do envellecemento activo para fomentar a saúde, a autonomía e a inclusión social.