O Concello de Bueu abre a Oficina de Turismo e ultima os preparativos para a tempada estival
- A información turística darase na sede situada na Casa Consistorial en horario de 10 a 15.30 h todos os días agás os martes
- Hoxe celebrouse a mesa de contratación para a proposta de adxudicación do servizo de socorrismo á empresa Offshore Special Services, polo que se habilitará a comezos de xullo nos cinco areais de Bandeira Azul
A Oficina de Turismo de Bueu, situada na Casa Consistorial, abriu este venres as portas ao público, un servizo que se estenderá ata setembro e que busca informar ás persoas veciñas e visitantes de todos os recursos e actividades da vila morracense. O horario de apertura será todos os días, agás martes, de 10 a 15.30 horas. Este servizo está financiado pola Deputación de Pontevedra no marco do programa de subvencións para a prestación de servizos de información e atención ao público nas oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas.
Ademais, dende a concellaría de obras e servizos e dende a de turismo avanzan que se están ultimando todos os preparativos para a tempada estival, pois xa hai varias semanas que se están levando a cabo diversos arranxos nos areais, como mellora de pasarelas de acceso, adecentamento das casetas de socorrismo e a limpeza das contornas. Así mesmo, tamén se continúa coa roza dos viais municipais e espazos públicos como parques ou prazas.
Tamén no día de hoxe se celebrou a mesa de contratación que propón a adxudicación á empresa Offshore Special Services o servizo de socorrismo e salvamento nas praias de Bandeira Azul, polo que a comezos de xullo se habilitará nos areais da Banda do Río, Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos.
Para a próxima semana anunciaranse as actividades de verán, que este ano constarán de rutas de sendeirismo e gastronómicas, obradoiros para a cativada e eventos diversos para público adulto.