O Concello de Bueu abre a Oficina de Turismo e a Aula da Natureza de Cabo Udra esta Semana Santa
-
Programaranse obradoiros sobre a natureza para a rapazada e rutas de sendeirismo
Con motivo da Semana Santa, o Concello de Bueu abrirá a Oficina de Turismo e a Aula da Natureza de Cabo Udra, ademais de organizárense rutas de sendeirismo e diversos obradoiros para a rapazada. O horario da Oficina, sita na Sala Domínguez Búa, será de 10 a 15 e de 17 a 20 h, dende o 13 ao 21 de abril; mentres que a Aula de Interpretación de Udra abrirá o 13 e 14 e do 18 ao 21 de 11 a 19 horas.
Así mesmo, na Aula levaranse a cabo diversos talleres os días 13,14, 19, 20 e 21 ás cinco da tarde. O 13 e o 20 propoñerase un obradoiro relacionado coas aves do Litoral no que as nenas e nenos aprenderán a través da pintura a distinguir a píllara das dunas, esa especie de ave que aniña nas dunas das nosas praias e que foi elixida ave do ano no 2019. O 14 e o 21 de abril terá lugar o taller de recoñecemento de pegadas de animais, no que se achegarán o corvo mariño, o raposo, o coello, o visón americano ou a xeneta. E o 19 será a quenda da actividade “Mariñeiros por un día: a importancia da pesca en Bueu”, un taller que transmitirá ás máis pequenas e pequenos algunhas das artes de pesca como a de nasas, con cana ou o marisqueo, a través do coñecido xogo da oca.
Rutas de sendeirismo
Para as persoas que amen o sendeirismo, os días 13,14,19,20 e 21 de abril, en horario de 12 a 13.30 horas, programaranse rutas pola contorna de Cabo Udra con saída desde a propia aula.
Pola súa banda, a concellaría de deportes organiza dúas novas camiñadas: o martes 16 ofrecerase un percorrido polas fontes de Bueu, con paradas na das Meáns, Cividade, Graña, Cura e da Vila, sumando un percorrido de cinco quilómetros; e o mércores 17 terá lugar a ruta pola Costa e Pazos, na que as persoas participantes coñecerán a costa bueuesa, a praia de Beluso, o Pazo de Ouril e o de Santa Cruz, cunha distancia de sete quilómetros. Ambas rutas sairán ás 10 h desde a Praza do Concello e non se precisa inscrición previa.
Todas as actividades podedes velas na sección de eventos desta páxina web.