O Concello de Bueu abre a inscrición para cubrir varios grupos de ximnasia
- As persoas interesadas en participar poderán anotarse de balde nas instalacións da Piscina Municipal de Bueu
O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, abre un novo prazo para cubrir varios grupos de ximnasias de mantemento. En concreto, ofertaranse vinte e unha prazas para luns e xoves entre as 9 e as 10 horas; quince para o martes e venres entre as 9 e as 10 horas; e tres para os mércores e venres de 18 a 19 horas.
As persoas que o desexen poden anotarse presencialmente nas instalacións da Piscina Municipal, onde tamén se desenvolverán as clases.
O Concello estivo traballando nas semanas previas para ampliar os horarios das clases e así dar cobertura ás persoas que quedaran na lista de agarda. Unha vez que ese proceso se levou a cabo, quedan algúns ocos dispoñibles e de aí que se abra a posibilidade para que se inscriban novas persoas nos grupos citados.
O programa de ximnasias “Bueu Saudable” desenvólvese dende hai unha vintena de anos no Concello de Bueu e o obxectivo é fomentar hábitos saudables na cidadanía ao tempo que se incentiva o deporte, e cunha gran acollida da poboación, sobre todo nas franxas máis maiores, e tamén entre as que padecen doenzas como Párkinson. Este curso, que arrancou a comezos de outubro, conta con preto de 400 persoas participantes, que se dividen entre a Piscinal Municipal, o Pavillón Municipal de Beluso, o Torrecino de Cela e a Casa da Aldea de Meiro.