Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello culmina este venres os encontros sectoriais para a elaboración do PMUS

  • A empresa adxudicataria, Terravanza, atópase inmersa na redacción deste instrumento de planificación da mobilidade na vila bueuesa, que se aprobará no mes de marzo
  • Nestas semanas celébranse diversas reunións coa cidadanía e colectivos para estudar as súas suxestións e propostas, ao tempo que se habilitou un enderezo de correo electrónico e unha enquisa

Estas dúas últimas semanas, o Concello de Bueu está recabando as suxestións e propostas da cidadanía e dos principais colectivos e sectores da vila, necesarias para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) que se aprobará no mes de marzo e que significará a planificación das accións para os próximos anos en materia de mobilidade.

Así, este venres están convocados diversos encontros no salón de plenos da Casa Consistorial: das 11.30 ás 13.00 horas, o sector ocio – turismo; das 17.30 ás 19.00 h, o dos equipamentos, e das 19.00 ás 20.30 h, o sector economía – loxística, que se unen aos que xa se celebraron nos días anteriores. O obxectivo destas xuntanzas é recoller propostas da cidadanía, motivo polo cal se convida tamén a aquelas entidades ou persoas interesadas en participar a achegarse a estes encontros nos horarios previstos. Así mesmo, a cidadanía tamén pode colaborar a través da realización dunha enquisa dispoñible na páxina de inicio da web municipal (www.concellodebueu.gal) ou a través do enderezo de correo electrónico mobilidade@concellodebueu.gal. A enquisa busca achegar información sobre os traslados e movementos da poboación, polo que desde o goberno local se anima a cubrila.

Unha vez rematada esta primeira fase, programaríanse novos encontros nos que se convocaría ás entidades para trasladar as propostas por parte da empresa encargada de elaborar o PMUS, a coruñesa Terravanza, e a finais de febreiro, presentaríase o documento coa validación final.

Este plan está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra e conta cun orzamento de 13.303,95 euros. O mesmo suporá un gran avance para determinar os principais problemas e as prioridades de cara a mellorar a mobilidade no municipio morracense. Entre as cuestións que se pretenden solucionar co PMUS están a mellora integral do barrio da Banda do Río, os accesos ao cemiterio, ou a busca dunha boa conexión co tanatorio, amais da accesibilidade aos diversos espazos para as persoas con mobilidade reducida ou as de liñas autobuses, entre outras moitas. Seguindo coas liñas estratéxicas que o goberno local leva anos impulsando, o PMUS suporá un gran avance, sobre todo porque se concibirá como o instrumento de referencia á hora de mellorar as redes de comunicación do concello, construíndo espazos para a cidadanía e fomentando unha necesaria sintonía co medio ambiente.