O Concello consegue o distintivo azul para o Estaleiro de Purro e revalida os da tempada anterior
- Este espazo, englobado na zona da Banda do Río, recibe por primeira vez o galardón polo que, segundo destaca o alcalde, “seguimos reforzando a marca Bueu”
- As praias de Lagos, Area de Bon, Lapamán, Portomaior e Banda do Río conseguen a bandeira azul de ADEAC, e tamén repiten os centros de Udra e Agrelo
- Dende o goberno recíbense estes galardóns con ledicia e satisfacción “pois supoñen unha mostra do traballo levado a cabo na última década, tanto a nivel medioambiental como de implementación de servizos”
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais e centros de España durante esta tempada estival. Así, o Concello de Bueu revalida este verán cinco bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos, Lapamán e para a urbana da Banda do Río. Así mesmo, a novidade deste ano está na consecución do distintivo de centro azul para o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, que se suma aos da Aula da Natureza de Cabo Udra e do Centro de Interpretación de Agrelo.
Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, acollen con ledicia e satisfacción estes galardóns, que supoñen unha mostra do gran traballo levado a cabo na última década, tanto a nivel medioambiental como de implementación de servizos. “Cada unha destas bandeiras recíbese coma unha homenaxe ao que é Bueu, e tamén ás súas xentes, pois son referentes dos nosos recursos e do coidado que poñemos en reivindicar o medio ambiente e a nosa historia”, salienta o rexedor da vila bueuesa.
O Estaleiro de Purro estrea o distintivo azul xusto dous anos despois de que se conseguise por primeira vez para a praia da Banda do Río, de xeito que nesa mesma zona agora cóntase cun centro, unha praia e un sendeiro con este galardón e, segundo Juncal, “seguimos reforzando a marca Bueu con este elenco de distintivos que recoñecen o que somos como pobo”. Precisamente, e para continuar poñendo o patrimonio en valor, dende o Concello de Bueu solicitouse unha subvención ao GALP para levar a cabo o proxecto ‘Ardora’, a través do que se dotarán os centros de Udra, Agrelo e tamén o Estaleiro de actividades arredor do mar, os recursos medioambientais e a historia local, de xeito que se crea unha rede unificada de centros, que se complementará proximamente coa Sala Arqueolóxica do Bueu Romano, en Pescadoira.
Sobre os distintivos nas praias, a concelleira considera que “é un premio ao bo facer na constancia no coidado destes espazos a nivel medioambiental e de recursos, sen esquecer tampouco o resto de areais, pois fomos instalando baños na tempada estival en todas elas e tamén queremos facer o mesmo co socorrismo cando sexa posible”.
Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións.
Os centros medioambientais
A Aula da Natureza de Cabo Udra foi construída no 2008 no espazo protexido de Cabo Udra, pertencente á REDE NATURA 2000, enclave privilexiado da costa morracense e cunha biodiversidade que o converte nun espazo único.
Esta innovadora edificación, permite ao Concello contar cun espazo de interpretación natural, podendo resaltar os valores biolóxicos do espazo protexido de Cabo Udra, así como promover e desenvolver programas e actividades de educación ambiental.
O Centro de Interpretación de Agrelo, situado nas inmediacións da praia de Agrelo, inaugurouse no 2015. Este centro, cuxas obras de rehabilitación se iniciaron a finais do 2014, era o antigo matadoiro municipal de Agrelo construído no ano 1955 que fora proxectado polos arquitectos Francisco de Castro e Pedro Alonso. Tamén foi usado durante moito tempo como sede da protección civil.
O Concello decidiu apostar por este centro como un complemento do de Cabo Udra,e que contribúe a ser un referente do Bueu costeiro, para vincular a edificación con todos os recursos naturais, económicos e culturais do noso municipio.
O Estaleiro de Purro atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente á historia marítima recente do Concello de Bueu. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños; nela construíronse infinidade de embarcacións, algunhas delas en activo.
O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente do noso concello. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.
A rehabilitación rematada no 2022 supuxo a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira e dos aparellos e ferramentas de traballo.