O Concello consegue a Bandeira Azul por primeira vez para a praia da Banda do Río e revalida as de Portomaior, Lapamán, Lagos e Area de Bon
- O consistorio destaca que a consecución deste galardón por primeira vez para o areal urbano da Banda do Río supón un “fito histórico”, despois de que se puxese en marcha o servizo de socorrismo na pasada tempada estival e tras os bos resultados na calidade das augas dos últimos anos
- Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo supón a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante esta tempada estival. Así, o Concello de Bueu consegue este verán cinco bandeiras azuis, que van para as praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos, Lapamán e, por vez primeira, para a urbana da Banda do Río. Este distintivo valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue revalidar o distintivo azul para a Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 logo da súa rehabilitación municipal.
Este ano, e por primeira vez, a praia da Banda do Río obtén o galardón azul, o que supón un fito histórico, sobre todo porque “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apuntan Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo. Precisamente, o Concello puxo en marcha xa o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se instalaron uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.
O alcalde salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo pon a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”, pois “que poidamos izar unha Bandeira Azul no principal areal urbano de Bueu supoñía no seu momento unha utopía, e agora é un soño cumprido”. Juncal alude ao ano 2007, cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verquidos de augas residuais desta praia e que facían que non fose aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación. “É importante botar a vista atrás para darnos conta das transformacións conseguidas”, continúa Juncal que nomea outras actuacións importantes como foi a renovación de colectores, nos que se ampliou a súa capacidade e se separaron as augas, ou a dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada outono – inverno. Todas esas medidas incidiron directamente na mellora das analíticas das augas neste areal que pasaron duns niveis de contaminación moi elevados a ter unha calidade de auga óptima para o baño, tal e como se refrendou nos últimos anos.
Así, pois, esta candidatura supón “a conquista de novos espazos de convivencia e relación social, pero tamén o incremento de recursos turísticos que teñen unha incidencia directa na economía local”, culmina o rexedor.
Pola súa banda, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “estes galardóns son unha garantía de que nas praias se cumpren determinados parámetros medioambientais, de limpeza e de servizos como o socorrismo, e de que no Concello levamos a cabo políticas sustentables co medio que habitamos e mellorando os servizos ano a ano”.