O Concello comeza as obras de semaforización da rúa Johan Carballeira coa intención de culminalas este mes
- Con esta actuación, financiada con cargo ao Plan Concellos 2021, mellorarase o mobilidade urbana e o acceso de vehículos nun punto de moito tránsito
- A empresa Construcciones Fechi SL leva a cabo os traballos e xa actuaron no primeiro tramo rúa Johan Carballeira, co obxectivo de trasladarse a próxima semana á zona entre Pazos Fontenla e Montero Ríos
O Concello de Bueu comezou hai dúas semanas as obras de rehabilitación do firme da rúa Johan Carballeira e semaforización da intersección da PO-315, unhas obras que arrancaron no tramo superior da rúa e que levaron aparellados cortes ao tráfico de vehículos. Precisamente, este venres, Félix Juncal, alcalde de Bueu, achegouse ao lugar para ver o avance das obras, xunto a Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Xosé Leal, edil de cultura, medio ambiente e mobilidade.
A empresa Construcciones Fechi SL estase a encargar dos traballos, e en días pasados xa se actuou sobre as beirarrúas, así como no asfaltado e cableado da rúa Johan Carballeira na parte superior, que estivo cortada ao tráfico durante toda a semana. A idea é que esta semana rematen as actuacións neste tramo, e xa se comece na zona superior, concretamente entre Pazos Fontenla e Montero Ríos. Tal e como salienta o alcalde, “neste tramo hai menos escavacións e demolicións, polo que os cortes ao tráfico serán máis puntuais, e contamos con facer as canalizacións, e iniciar a pavimentación e a instalación da rede semafórica”.
Esta obra, cun orzamento de 92.843,29 €, vai permitir regular a intersección da PO-315 coa rúa Johan Carballeira mediante a instalación de semáforos, e rehabilitará e mellorará o firme da propia rúa no tramo comprendido entre a estrada autonómica e a rúa Montero Ríos, cuxo estado de conservación non é óptimo. Precisamente, e con motivo da inminente tempada estival, a empresa está apurando os prazos para poder rematar as obras a finais de xuño.
A actuación, que se financia con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, pretende regular a circulación nesta zona, cun fluxo de vehículos moi alto. O vial foi obxecto de múltiples arranxos nos últimos anos debido ao gran fluxo de vehículos que soporta, ao coincidir o tránsito cara a urbanización das Lagoas ou cara equipamentos municipais como a piscina, así como ser a principal conexión coa céntrica rúa Pazos Fontenla. Esta situación agrávase durante o verán, pois moitísimas persoas acceden a través dese vial ás praias e a outros espazos turísticos, polo que con esta rede semafórica ordenaranse os fluxos de vehículos e eliminaranse os embotellamentos.