O Concello asume a loita contra o cambio climático como unha liña estratéxica deste mandato
- O goberno local salienta que proximamente se elaborará unha auditoría para analizar o impacto de CO2 na vila, e continuarase coa substitución de luminarias LED
Conscientes de que as revolucións se deben comezar desde abaixo, o goberno local de Bueu leva xa varios anos apostando por pequenos cambios a prol da redución dos impactos sobre o medio ambiente. Así o lembra o alcalde, Félix Juncal, nesta semana global de acción polo clima, quen salienta que “desde o Concello levamos anos impulsando accións concretas que repercuten na redución do consumo de enerxía e de CO2”. Este traballo realizarase de forma moito máis intensa e coordinada neste mandato, cando a loita contra o cambio climático se converterá nunha liña estratéxica para trazar os proxectos deste mandato e dos próximos anos.
No marco do Pacto dos Alcaldes Polo Clima e a Enerxía (PACE), órgano ao que o Concello de Bueu se adheriu no 2018, comezarase a traballar na elaboración dunha auditoría para reducir as emisións de CO2 e, posiblemente, outras emisións de gases de efecto invernadoiro, e a estudar máis iniciativas que contribúan á mellora da eficiencia enerxética e a un maior uso de fontes de enerxía renovables. Esta acción forma parte das liñas estratéxicas máis urxentes do Pacto dos Alcaldes, e co obxectivo de buscar asesoramento, a concelleira de medio ambiente, Tamara Sotelo, participará o 22 de outubro nunha xornada informativa organizada en Marín.
Actuacións concretas
O Concello de Bueu está comprometido con todas as actuacións que reduzan o impacto do cambio climático, e por iso leva a cabo desde fai varios anos a renovación da iluminación pública, substituíndo as luminarias tradicionais por outras de tipo LED, que permiten unha redución de enerxía importante. Nos últimos anos acometéronse estas melloras en Agrelo (na estrada e tamén no paseo marítimo), na rúa Pazos Fontenla, na Avda de Marín ou na Recta do Peón de Beluso, entre as máis recentes. Proximamente, continuarase con estes traballos nas zonas de Cabalo e na Ramorta- Carrasqueira, actuación que permitirá o cambio de máis de 214 puntos de luz e que se subvencionará con cargo a fondos IDAE.
No Pavillón Pablo Herbello instalouse unha caldeira de pellets e uns paneis solares, que permitiron un aforro enerxético de preto do 70 %, amais da substitución das luminarias da pista deportiva.
Hai que destacar que na actualidade, e tamén en materia medioambiental, se está elaborando o Plan de Actuación Municipal para previr incendios, instrumento que servirá como ferramenta e de previsión da forma de actuar ante unha emerxencia. Ademais, este documento terá tamén unha función de previsión, para instar a limpeza das franxas secundarias a fin de minimizar o risco incendiario. A el unirase o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que promoverá o uso de transportes alternativos e o deseño de sendas para desprazarse polos diversos lugares.