O Concello arranca as obras de pavimentación, abastecemento e saneamento no Camiño Vello da Graña
- A empresa COVSA é a adxudicataria deste contrato que conta cun importe de 85.671,82 € e que se financia con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra
- Félix Juncal avanza que, se a climatoloxía o permite, as obras remataranse a finais de marzo, e permitirán solucionar tamén varios problemas relacionados coas augas¡
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal, visitaron esta semana as obras no Camiño Vello da Graña, xunto ao responsable da empresa adxudicataria, Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA). Os traballos arrancaron este martes e inclúen a pavimentación, o abastecemento e o saneamento de auga. Esta actuación, cun orzamento total de 85.671,82 € e financiada con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, está prevista que remate a finais de marzo sempre que a climatoloxía o permita.
Tal e como se comprometera o rexedor nunha reunión coa veciñanza do lugar no verán, as obras permitirán repavimentar un camiño moi deteriorado, ao tempo que se sanea a rede de pluviais e se amplía a rede de abastecemento, servizos básicos para a cidadanía de todos os lugares da vila. Segundo apunta Juncal, “vai supoñer unha mellora importante e poderemos resolver moitos problemas que se viñeron detectando nos últimos anos”. Así, o primeiro tramo en sentido ascendente presenta unha situación complexa coa presenza de moita auga que emana dos terreos contiguos, polo que con esta actuación canalizaranse esas augas e buscarase a drenaxe no terreo. Así mesmo, vaise estudar a posibilidade de aproveitar a auga dese manancial para habilitar unha fonte pública, para o que previamente se realizará unha analítica para comprobar que as augas cumpren coas condicións hixiénico – sanitarias. Do mesmo xeito, as obras permitirán corrixir os verquidos de augas residuais coa substitución de colectores, e vai supoñer unha regularización de pequenos sobreanchos do trazado do vial que se arranxará con aglomerado asfáltico e se homoxeneizará.
A continuación, o goberno local aproveitará para reparar o vial que se atopa un pouco máis abaixo e que se coñece co nome de “Canexa do Rei”, no que tamén se corrixirá a problemática das augas existentes e se reparará a capa de rodadura.