O Concello apela ao consumo moderado e responsable de auga
- O alcalde e o vicealcalde visitaron este xoves o depósito de Ermelo, onde comprobaron os niveis de auga
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, visitaron este xoves o depósito de auga de Ermelo, xunto ao responsable do servizo de FCC Aqualia, Iago González, co obxectivo de comprobar os niveis de auga. Así, o alcalde apuntou que “a comezos do verán temos un consumo medio diario de 2600 m3, aínda que conforme vaiamos entrando na época alta, é probable que se ascenda aos 3400 m3”. Polo tanto, en vista diso, dende o Concello apélase á concienciación cidadá para que se faga un consumo moderado e responsable de auga, pois o verán é longo e o caudal irase reducindo.
Tanto Juncal como Villanueva salientan que as infraestruturas de abastecemento de auga se atopan en perfectas condicións para garantir o servizo. Segundo o responsable do servizo, o depósito coñecido como de “Campos do Ministro”, situado en Ermelo, achega 900 m3 diarios de auga á vila; o de Pereiros, en Meiro, 700 m3; e o de Cela, arredor de 100 m3. Estas cantidades complétanse coa auga proveniente do Lérez á que se recorre en caso de escaseza.