O Concello ampliará os aparcadoiros do Parque Empresarial de Castiñeiras
- O alcalde e o concelleiro de cultura e medio ambiente mantiveron este martes unha reunión cos representantes dos empresarios do polígono
- O proxecto permitirá destinar unha parcela de 795 metros á construción de 28 prazas de aparcadoiro
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, visitaron este martes o Polígono Industrial de Castiñeiras para manter unha reunión co responsable da Asociación de Empresarios de Castiñeiras (AEPICAS), Pablo Pazos, e o xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), Rodrigo Pastoriza. O obxectivo era presentarlles o proxecto de ampliación do estacionamento, polo que se destinará unha parcela municipal de 795 metros situada á entrada do parque para a construción dun total de vinte e oito prazas de aparcadoiro.
O proxecto, que conta cun orzamento de arredor de 30.000 euros, supoñerá dar cumprimento a unha das demandas que o colectivo de empresarios solicitara nunha reunión previa a comezos deste ano. Segundo apunta o alcalde, “é unha actuación importante para o presente e para o futuro, que permitirá atender as necesidades de espazo destinado a aparcadoiro que se producirá coa instalación de dúas empresas”.
O goberno local está traballando para conseguir o financiamento necesario, co fin de que esta actuación poida ser unha realidade no verán, pois “temos o compromiso de seguir potenciando este parque que ten cada vez un maior músculo, sendo un dos máis demandados da provincia”. Neste sentido, Juncal avanzou que de cara ao futuro se estudará a creación dun centro municipal que poida acoller un viveiro de empresas e que funcione así mesmo como viveiro multiusos.
Pola súa banda, o representante dos empresarios reivindicou a necesidade de buscar as fórmulas legais para que se poida incrementar a edificabilidade interior das naves e aproveitar máis o espazo neste polígono que ten practicamente todo o solo industrial ocupado.