O Concello acomete a limpeza da contorna do Muíño do Tombo
O Concello de Bueu avanza co plan de limpeza dos espazos públicos municipais, e estes días rematouse de adecentar a contorna do muíño do Tombo, na parroquia de Cela. Os traballos foron realizados polo persoal da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, e consistiron na limpeza e posta a punto dos accesos a este muíño, que data de 1925, así como á fonte e ao lavadoiro da zona, que se atopaban cheos de maleza.
O muíño foi un dos elixidos polo Concello no ano 1998 para a súa rehabilitación, xunto aos de Avical, en Beluso, e o da Presa, na zona do Canudo de Meiro. Este souto veciñal forma parte dun acolledor entorno de sombra e auga, onde antigamente se poñía a roupa ao clareo despois do seu lavado no lavadoiro. Así mesmo, tamén se ten coñecemento da súa utilización como lugar habitual para deixar pacer gando menor como ovellas e cabras.
O Concello avanza que proximamente se levará a cabo a reparación e o saneamento da fonte e o lavadoiro, así como o arranxo do tellado do muíño, polo que se dá cumprimento a unha demanda veciñal da parroquia.
Por outra banda, continúan nestas semanas os traballos de posta a punto de espazos como parques e prazas, viais municipais, ou accesos aos areais das tres parroquias, que se levan a cabo tanto con maquinaria manual como mecánica e con distintas brigadas.