Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo para a solicitude para as fogueiras de San Xoán e San Pedro

  • As persoas ou colectivos interesados poderán presentar a solicitude antes do 14 de xuño

O Concello de Bueu abre o prazo para solicitar fogueiras para as noites de San Xoán (24 de xuño) e San Pedro (29 de xuño). Así, e tal e como se recolle no Bando da Alcaldía publicado na web municipal, as persoas que desexen realizar cacharelas nestas noites máxicas, tanto en terreo público como privado, deberán entregar no Rexistro Xeral a solicitude xunto á documentación completa antes do 14 de xuño.

As cacharelas teñen que adaptarse ás características establecidas no Bando da Alcaldía, polo que estas deben realizarse en lugares despexados mantendo unha distancia de seguridade como mínimo de 25 metros das edificacións, liñas aéreas de servizos, mobiliario urbano e vehículos, non deberán superar en ningún caso os 3 metros de alto, e ubicaranse en buratos, o máis profundos posibles, e debidamente rodeadas de pedras ou unha pequena zanxa.

Tal e como se explicita no bando, só serán susceptibles de autorización as solicitudes sobre terreos ou espazos públicos onde non resulten expresamente prohibidas polas ordenanzas municipais, ou ben en terreos privados. Os organizadores e persoas responsables das fogueiras deberán ser maiores de idade e será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo.

Tanto o Bando da Alcaldía como as solicitudes están dispoñibles na web municipal: www.concellodebueu.gal.