O Concello abre o prazo de licitación para a pavimentación dun camiño entre Area de Bon e Montemogos
O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación para a pavimentación dun camiño entre Area de Bon e Montemogos, na parroquia de Beluso, actuación orzamentada en 58.490,19 €, IVE engadido, e que se acometerá no marco do Plan de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 da Agader. O prazo para o envío de ofertas estará aberto ata o 15 de novembro e toda a información pode consultarse na Plataforma de Licitación do Estado, con acceso dende a web municipal.
A viabilidade das obras procede do intenso uso que que ten o camiño na actualidade, xa que é un vial que dá acceso aos predios agrícolas e vivendas da zona, e que se manterá no futuro.
Tal e como apunta Félix Juncal, alcalde da vila e encargado da área de obras e servizos, “esta liña de subvencións do Plan Marco danse para actuacións que deben cumprir cunha serie de requisitos, como a existencia de fincas agrícolas, o que fai que debamos priorizar uns viais e non outros”.
O Concello continúa co plan anual de actuacións no rural e de posta a punto de servizos básicos, de aí que se promovan pavimentacións de camiños, obras de ampliación de saneamento e abastecemento, arranxo de lavadoiros e fontes ou adecentamento de parques e áreas recreativas, entre outras.