O Concello abre a consulta pública previa á modificación do Regulamento do mercado de venda ambulante e produtos do campo
- Esta normativa renovará a de 2005 e as persoas ou colectivos poderán presentar as súas suxestións ata o 31 de agosto
O Concello de Bueu continúa traballando nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos, tal e como se acordou tras a aprobación do Plan Normativo no pleno do mes de abril deste ano. Así, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica publicouse un anuncio para que as persoas que o desexen poidan presentar propostas previas á elaboración e aprobación do Regulamento do mercado de venda ambulante e produtos do campo, coa que se renovará o do ano 2005.
Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 31 de agosto para achegar as súas opinións, o que poderán facer mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa (Aprobación do regulamento municipal de venda ambulante e produtos do campo)”, que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.
Dende hai moitos anos, o Concello de Bueu organiza diversos mercados ambulantes semanais, nos que se ofrece tamén a venda de produtos do campo. O regulamento actualmente en vigor está moi obsoleto e non dá resposta ás novas demandas tanto do colectivo de vendedores e vendedoras como das persoas consumidoras.
Con esta nova normativa o que se pretende é ampliar o campo de actuación e que se solucionen algúns dos problemas detectados nestes anos, sobre todo no que se refire á simplificación dos distintos procedementos administrativos, gañando en axilidade á hora de outorgar as pertinentes autorizacións. Así mesmo, e non menos importante, o regulamento busca sentar as normas para a venda de produtos de excedentes do campo.
Na páxina web municipal (www.concellodebueu.gal) atópase o anuncio de consulta pública xunto a un borrador da ordenanza.