O concelleiro de educación visitou os centros educativos da vila no inicio do curso escolar
- Nos diversos colexios leváronse a cabo diversos traballos de mantemento e mellora, tanto no interior como no exterior e nos accesos
No inicio do curso escolar, Xosé Leal, concelleiro de educación, visitou este mércores os tres centros educativos de infantil e primaria da vila: CEIP A Pedra, CEIP A Torre de Cela e CEIP Montemogos de Beluso, nos cales o Concello de Bueu realizou labores de mantemento e mellora, tanto no interior dos edificios como no exterior e nos accesos.
Leal salientou que no colexio da Pedra os traballos incluíron a posta a punto de diversos espazos e a limpeza exterior. E no edificio da Pedra destinado a infantil acondicionouse un baño, ademais da colocación de corchos e cambio da porta interior de madeira que dá acceso ao patio de xogos interior. Así mesmo estase incidindo na mellora da accesibilidade con motivo das obras de acondicionamento da rúa A Pedra, as cales veñen de comezar hai dúas semanas, e que non puideron iniciarse antes debido a problemas relacionados co proceso de licitación. Neste espazo, o acceso e ordenamento do tráfico é o que máis preocupa á cidadanía e por iso, tal e como se acordara nunha reunión coas directivas dos centros educativos e policía, se prohibirá o acceso dos vehículos pola rúa Staffan Mörling.
No CEIP Torre de Cela, destaca o acondicionamento de varias aulas e o pintado das mesmas, como o caso da Aula de Música; ademais da colocación de parqué na destinado ao alumnado de 2º de primaria.
E no CEIP Montemogos de Beluso fixéronse retoques e pintados das aulas para eliminar filtracións, así como a reparación dos protectores das portas e a mellora doutros elementos necesarios para o inicio deste curso. No exterior, continúan os traballos de arranxo do teito da entrada e tamén se creou unha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.
Desde o goberno local apuntan que nos próximos meses se traballará na aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, unha ferramenta que permitirá tamén promover a mobilidade nos colexios e institutos da vila.