O Club do Mar- Simei estrea himno no seu corenta aniversario
- A música de A Maruxía foi interpretada pola comparsa Os Mulos coa letra de Suso “O Viti”
O Club do Mar de Bueu –Simei deixou o pasado venres as augas habituais e trasladouse por un momento ao Centro Social do Mar, onde tivo lugar un acto no que se presentou o novo himno musical, ademais de anunciar a regata de traiñeiras VIII Memorial Pepe O Ruso. Ao acto asistiron Félix Juncal, alcalde da vila, e algúns concelleiros e concelleiras da corporación municipal bueuesa, ademais de membros da directiva do club e integrantes do mesmo.
O acto comezou cunha charla do investigador local Arturo Sánchez Cidrás, na que se explicaron as orixes do remo na vila, e o nacemento do Club do Mar de Bueu no ano 1982, da man dunha serie de persoas incansables que, con moitísimo traballo, levaron ao club ben alto.
A continuación, o numeroso público asistente puido gozar da interpretación do himno do club, que se estrea baixo o título de “A Maruxía” con letra de Suso “O Viti”, música de Miguel Loira e que soa coas voces da comparsa Os Mulos.
A directiva do club, encabezada por Manuel Juncal e Rufino Acuña, presidente e vicepresidente, aproveitou para presentar a regata Memorial Pepe O Ruso, que se disputou o domingo e que contou con récord de participación, cun total de trinta e seis embarcacións.