O Concello e o Club do Mar Bueu- Simei organizan este sábado a XIV Bandeira de Bateis
- A proba tomará saída do peirao bueués ás 16 horas e nela agárdase a participación de máis dun cento de embarcacións de once clubes
- O percorrido sairá do peirao de Bueu cara a zona da Robaleira, variando as distancias segundo as categorías
O Club do Mar de Bueu – Simei e o Concello de Bueu organizan este sábado, 16 de marzo, a XIV Bandeira de Bateis, unha regata que se desenvolverá a partir das 16 horas e na que se agarda a participación de máis dun cento de embarcacións de once clubes. Así o apuntaron Valente Campos e Rosario Freire, integrantes da directiva do club, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía, e na que tamén estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ricardo Verde, concelleiro de deportes.
Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Robaleira, e as distancias variarán segundo as categorías, que son Alevín Feminina, Infantil Feminina, Cadete Feminina, Xuvenil Feminina, Sub’23 Feminina e Absoluta Feminina; e Alevín Masculino, Infantil Masculino, Cadete Masculino, Xuvenil Masculino, Sub’23 Masculino e Absoluta Masculino.
A organización agarda a participación de máis dun cento de embarcacións dos clubs Samertolameu, Tirán, Chapela, Virxen da Guía, Vila de Cangas, Cesantes, Robaleira, Amegrove, Mecos, Vilaxoán e Bueu. Deles, 33 barcos son de categorías femininas, 49 das masculinas, e 6, mixtas.
Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas. Así mesmo, haberá medallas para os barcos clasificados en cada categoría.