O Centro Social do Mar vibrará forte este sábado coa ópera contemporánea «Papagena»
· A obra está inspirada nas persoas – paxaro d’A frauta máxica de Mozart, é un espectáculo con perspectiva de xénero que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica
· A sesión poderase gozar a partir das 20 horas, con entrada libre ata completar a capacidade, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra
O Centro Social do Mar acolle este sábado, 19 de novembro, ás 20.00 horas a obra operística “Papagena” a cargo da compañía ButacaZero. A entrada será libre ata completar capacidade, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a través do programa “Con-fiando Cultura”.
Logo de itinerar por unha ducia de vilas galegas, “Papagena”, última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vai pechar a súa xira de inverno con tres funcións enmarcadas nas accións do 25-N, entre as que se atopa Bueu.
Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada nas persoas – paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes, que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.
A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que está a levar a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.
Concibida para público adulto e adolescente, a trama de “Papagena”expón unha relación marcada polos celos e o control e narra o proceso que leva ao personaxe interpretado por Esperanza Mara a se liberar da súa cárcere vital. Un dos maiores avances político sociais dos últimos tempos, a loita contra o sexismo, é a base para analizar e reescribir a Papagena mozartiana e darlle as ás que lle permitan voar e escapar da gaiola. Hai tamén na ópera de ButacaZero unha mensaxe clara que nas redes sociais da compañía condénsase no cancelo #nonsexaspapageno.
Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptouse a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo deste trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. Ademais, a entrada está a ser de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.