O CEIP Plurilingüe A Pedra leu a declaración conmemorativa polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero
- Baixo o lema de “Non é tan difícil, queremos vivir en igualdade”, o alumnado de 6º de primaria preparou o texto reivindicativo desta data
- Continúan os obradoiros de sensibilización de violencia de xénero nos centros educativos, e o venres terá lugar a proxección do filme “Dalva” co Cineclub Bueu
A Praza do Concello de Bueu acolleu este luns, 25 de novembro, os actos conmemorativos polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, nos que o alumnado do CEIP Plurilingüe A Pedra foi protagonista coa lectura dunha declaración conmemorativa baixo o lema de “Non é tan difícil, queremos vivir en igualdade”.
O acto celebrouse diante da Casa Consistorial coa presenza de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e de concelleiros e concelleiras da corporación municipal, ademais do alumnado de A Pedra e do CPR Virxe Milagrosa, persoal municipal e cidadanía. Ao inicio, Juncal desexou que “oxalá poidamos dicir algún día que a violencia contra as mulleres desapareceu, pero polo momento temos que estar vixiantes pois temos un desafío e unha ameaza”.
Despois do minuto de silencio na memoria das mulleres e nenas asasinadas pola violencia machista neste ano, o alumnado de A Pedra comezou coa lectura dun texto reivindicativo no que se puxo de manifesto que a violencia segue de actualidade e que a sociedade debe reivindicar a igualdade. “Nós, como nenos e nenas, ademais da escola e a sociedade, non podemos pechar os ollos ante calquera tipo de maltrato, e por iso temos que buscar solucións que nos axuden a erradicar esta lacra social”, aseveraron.
Precisamente, a educación é a concienciación son os dous piares sobre os que se sustentan as accións da concellaría de igualdade e do Centro de Información ás Mulleres. Nos centros educativos de primaria e secundaria estanse levando a cabo neste trimestre diversos obradoiros sobre sensibilización e prevención da violencia de xénero. Ademais, da man de Pantallas Amigas desenvolverase este martes o taller “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital (ciberviolencia, grooming, sexting…) dirixido a alumnado dende 1º da ESO ata 2º de bacharelato e ciclos formativos. E tamén durante todo o trimestre se estivo preparando un libro foro co alumnado de 4º de ESO arredor do libro Yo no te cuido de María José Lozano, no que partindo da historia traballaron debates arredor das violencias machistas e das consecuencias na vida do agresor cando envellece e perdeu ás súas fillas ou fillos despois de telos maltratado ou abandonado.
Ademais, o Cineclub Bueu proxectará o próximo venres, 29 de novembro, o filme “Dalva” de Emmanuelle Nicot, que se poderá ver ás 21 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo. A película conta a historia de Dalva, unha moza que ten 12 anos, e que se viste e se maquilla coma unha muller. Unha noite, de súpeto lévana da casa familiar. Atónita e indignada ao comezo, logo coñece a Jayden, un traballador social, e a Samia, unha adolescente con mal xenio.