O Ceip Montemogos celebrou hoxe o Día de Rosalía
- Ao acto asistiron o alcalde, Félix Juncal, e o concelleiro de cultura e educación, Xosé Leal, amais de representantes de asociacións e establecementos comerciais da parroquia bueuesa
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, participaron este venres no acto do Día de Rosalía organizado polo Ceip Montemogos de Beluso, no Parque Novas desta parroquia. No acto, o rexedor salientou a figura da poeta desde o feminismo, e recitou o poema de Cantares Gallegos “Quíxente tanto meniña”, mentres que Leal presentou “A xustiza pola man”, recollido na obra Follas Novas.
Tamén participaron Suso Portela, da Fundación Novas, e representantes da Asociación San Marcos de Beluso, da Xunta de Montes de Beluso, da Anpa Cabo Udra, e tamén doutros establecementos comerciais como Frutería Rúa Nova, Farmacia de Beluso ou Ferretería Brión. O acto, no que o alumnado tivo un papel protagonista, clausurouse cunha actuación dun grupo de integrantes da Banda de Gaitas Manxadoira, e coa entrega a todas as persoas asistentes dun bosquexo que lembra o nome da Estrela HD 149143 como Rosalía de Castro.