O alcalde valora positivamente as obras de mellora da seguridade vial que a Xunta acometerá no TCA da PO-551
Félix Juncal, alcalde de Bueu, reuniuse esta mañá co Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, con motivo do inicio do período de licitación para a presentación de ofertas por parte das empresas de cara á mellora da seguridade vial que se vai levar a cabo no Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) na PO-551. O rexedor agradeceu a visita a Bueu do Delegado, así como do Xefe Territorial de Estradas, José Luís Díez, e dos técnicos autonómicos. Juncal valora positivamente “o compromiso e o cumprimento por parte da Conselleira de Infraestruturas, coa que mantiven unha xuntanza a finais do 2017 para abordar a seguridade viaria nesta estrada, na que recolleu a nosa preocupación e foi sensible coa petición municipal de instalación de redes semafóricas nunha área cunha enorme circulación de vehículos”.
Agora, dous anos despois, ábrese o prazo para que as empresas presenten ofertas de cara á realización desta obra que suporá unha mellora importante na seguridade viaria e nos accesos aos propios núcleos de poboación de Castrelo e Lapamán, así como aos areais, que eran as principais reivindicacións da veciñanza ao longo destes anos. Así, no proxecto prevese a instalación de dúas glorietas, situadas na entrada á praia de Lapamán e na saída dos areais de Agrelo – Portomaior, así como dunha rede semafórica en Agrelo que completa á se está culminando en Loureiro, e a renovación de catro pasos de peóns. Esta actuación, valorada en preto de 1.200.000 euros, comezará previsiblemente en torno ao mes de maio, e terá continuidade con outra da senda peonil entre Lapamán e A Torre (xunto á panadería), e que desde o goberno se agarda que a Xunta poida iniciar proximamente.
Juncal é consciente de que “esta actuación levou tempo xestionala, pero entendemos que nas administracións os prazos non son sempre os desexados senón os impostos polos períodos de tramitación”.
Na visita tamén estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Elena Estévez, voceira do PP local.