O alcalde participa nun pleno escolar no CEIP Montemogos
- Félix Juncal e concelleiros do goberno responderon ás preguntas e peticións do alumnado arredor de barreiras arquitectónicas, eliminación de plásticos ou mellora dos espazos públicos
- O rexedor salienta a importancia destes actos nos que a rapazada é protagonista “e nos que sentimos moitísima felicidade porque nos permite contar cunha ollada diferente”
O patio exterior do CEIP Montemogos de Beluso converteuse este mércores, 5 de maio, nun salón de plenos improvisado da man do profesorado e do alumnado de 2º, 3º, 5º e 6º de primaria deste centro. Félix Juncal, alcalde de Bueu, rexentou unha sesión diferente na que a rapazada o someteu a preguntas sobre as accións e programas de goberno, as cales se comprometeu a xestionar e resolver. O alumnado mostrouse moi participativo e formulou cuestións relacionadas coa eliminación das barreiras arquitectónicas, tanto no colexio como na parroquia, a eliminación de plásticos e as accións relacionadas coa redución de residuos, o fomento de hábitos saudables, a ampliación das zonas de xogo, coa inclusión de elementos novos nos parques (rocódromos, porterías, canastras), a construción de carrís para bicicletas cos que se aumente a seguridade peonil e viaria etc.
Esta actividade, á que tamén asistiron Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, e Agustín Gallego, edil de mocidade e normalización lingüística, forma parte da programación escolar que ten como obxectivo informar ao alumnado sobre a contorna e o funcionamento da administración, ao tempo que se fomenta a participación na vida municipal. Neste sentido, Juncal salienta a importancia destes actos nos que a rapazada é protagonista “e nos que sentimos moitísima felicidade porque nos permite contar cunha ollada diferente e non perder o contacto coa realidade para a mellora da calidade de vida das persoas, que é o noso labor diario”. O alcalde animou a todos os nenos e nenas a seguir participando na vida pública, “a soñar sempre e a manter a ilusión e o esforzo sempre activos”.
Nos últimos anos, o Concello ten organizado xa dous plenos escolares sobre igualdade, ademais de recibimentos aos diversos centros educativos da vila para dar a coñecer as actividades que se levan a cabo na casa consistorial e as tarefas administrativas. De cara ao futuro inmediato, o goberno porá en marcha os consellos da infancia e da mocidade, co fin de que se celebren plenos coma o de hoxe con certa periodicidade para que as xeracións máis novas teñan a posibilidade de exercer un papel activo na política local.