O alcalde de Bueu visita as obras de pavimentación do vial entre Outeiro e Xexide
- A actuación foi realizada con cargo á subvención de Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018 da AGADER
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, visitaron as obras de pavimentación no vial de Xexide- Outeiro, que foron financiadas no marco do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018 da AGADER, e que incluíu a realización de cunetas, a ampliación do sobreancho do camiño e canalización de augas pluviais.
Esta obra, cun orzamento de execución de preto de 37.000 € e adxudicada á empresa Covsa S.A., supón a continuación doutra pavimentación entre os lugares de Meiro e A Casela, que fora realizada con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Limpeza do lavadoiro do Beloso
Por outra banda, este venres tamén se rematou de acondicionar a zona do lavadoiro do Beloso (na parroquia de Cela), onde se estivo limpando o lugar, así como rematando a cuneta que quedara pendente despois das obras de saneamento que se levaron a cabo hai varias semanas.
Como ben destacou Juncal, “trátase de traballos continuos de mantemento do rural e de acondicionamento das infraestruturas comunitarias para o uso e goce pleno da veciñanza”.