O alcalde de Bueu reúnese coa Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía
-
Tras o encontro, celebrado na Casa Consistorial, o rexedor avanzou que ao longo deste ano se redactará o Plan de Acción para o Clima e Enerxía (PACE)
Félix Juncal, alcalde de Bueu, reuniuse na mañá deste xoves cun responsable da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, órgano que servirá de enlace para asesorar a municipios e entidades participantes. Tras o encontro, o rexedor salientou que o próximo paso é elaborar ao longo deste ano o Plan de Acción para o Clima e Enerxía (PACE), un instrumento de acción que terá que xestionar o propio Concello e que deberá incluír varias liñas estratéxicas, como as infraestruturas e equipamentos públicos, o uso residencial, o transporte público e privado ou os residuos…
A adhesión ao Pacto dos Alcaldes aprobouse na sesión plenaria da corporación municipal en xuño do pasado ano, e supón o compromiso de reducir a emisión de CO2, así como a realización de accións encamiñadas á mellora do medio ambiente. Por iso, a proposta conxunta dos catro grupos municipais, acordou, entre outros puntos, solicitar a adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, cuxo obxectivo primeiro é “reducir as emisións de CO2 (e, posiblemente, outras emisións de gases de efecto invernadoiro) no territorio do noso municipio en polo menos un 40 % de aquí a 2030, en particular a través da mellora da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovables”.
Esta aposta polo medio ambiente supón, en palabras do alcalde, que “Bueu sexa un concello comprometido á hora de deseñar políticas e cumprir coas estratexias polo clima e a enerxía”.