O alcalde de Bueu preséntalle á nova delegada territorial da Xunta os proxectos para a vila
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e María Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, mantiveron este martes un encontro para coñecer os proxectos prioritarios para a vila morracense de cara aos próximos anos. A xuntanza tivo lugar no salón de plenos, coa presenza ademais dos edís do goberno local Silvia Carballo e Xosé Leal, e nela o alcalde volveu incidir nas necesidades máis urxentes, entre as que se atopa a transformación e rexeneración de toda a contorna portuaria e da praia de Pescadoira, así como a mellora da rede viaria, concretamente dos tramos urbanos nos que a Xunta de Galicia dispón de competencias.
A praia de Pescadoira é o tramo urbano da rúa Montero Ríos son espazos nos que o goberno local e diversas asociacións levan anos reclamando unha mellora integral, que permita construír un lugar viable para a cidadanía e tamén para o medio ambiente. Así mesmo, Juncal puxo enriba da mesa a necesidade de que Portos de Galicia asuma a competencia do mantemento dos espazos públicos ou, no seu caso, se dote ao concello dun convenio cos fondos económicos correspondentes.
En canto á rede viaria, o alcalde valorou moi positivamente a actuación que actualmente se está levando a cabo coa construción das rotondas na zona de Lapamán, aínda que reivindicou que é preciso completar diversas sendas peonís nas estradas PO-551 e PO-315.
Por último, Juncal aproveitou a visita da nova delegada para solicitar a colaboración do ente autonómico de cara á construción dun auditorio municipal que podería cumprir coas necesidades dunha poboación que foi medrando nestes últimos anos de forma exponencial. A localización dese auditorio podería ser a que fora a coñecida Sala de Festas Paraíso, situada nas Lagoas, e cuxa construción a delegada se comprometeu a valorar coas consellarías correspondentes.
A visita culminou co compromiso de ámbalas dúas partes de traballar conxuntamente, coas máximas de “colaboración e dispoñibilidade”.