O alcalde de Bueu manifesta a súa desconformidade co sistema de cita previa nas praias
Ante o sistema anunciado pola Xunta de Galicia de xestión das praias con cita previa, Félix Juncal, alcalde de Bueu, manifesta a súa desconformidade cunha medida que “máis ben parece unha ocorrencia do momento ca unha proposta necesaria”, apuntou.
O rexedor salienta que nestas semanas estamos asistindo a un “afán desmedido de chegar antes non se sabe ben a que lugar; podería ter que ver coa necesidade de ter unha notoriedade por non dispoñer de medidas e solucións reais para garantir a seguridade e a saúde das persoas”.
Juncal móstrase preocupado “polas noticias que poden supoñer, de cara ao futuro, un cambio de modelo ou de relación das persoas cos espazos naturais”. Así, reafírmase no dereito ao acceso libre, que non significa sen condicións ao respecto, aos espazos espazos naturais. E é que as praias supoñen o espazo natural por excelencia para que as familias e persoas poidan gozar en igualdade de condicións, sen necesidade de ningún control que restrinxa o exercicio dese dereito.
“Comezamos parcelando ás praias ou establecendo un sistema de citas previas, e quen sabe se alguén poida incorrer na tentación de establecer taxas pola utilización das mesmas”, continúa o rexedor.
En todo caso, desde o Concello de Bueu apúntase que ningún sistema de control de acceso, de restricións no uso dos espazos públicos, garantirá o seu éxito se non existe convencemento social, corresponsabilidade persoal e individual. Por iso, insístese en que se debe cumprir coas recomendacións e disposicións que se establezan polas autoridades competentes.