O alcalde de Bueu destaca que o FICBUEU é un festival internacional recoñecido máis alá das nosas fronteiras
- Félix Juncal salientou que este evento, que se celebrará do 6 ao 14 de setembro, foi medrando ano a ano desde a base e co apoio de tres administracións
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este luns na presentación oficial da décimo segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), na que salientou a capacidade deste evento para medrar máis alá das nosas fronteiras, e para facelo desde a base e co apoio indiscutible do público. O rexedor destacou tamén a cooperación entre tres administracións que posibilitan que proxectos tan ambiciosos e necesarios coma estes saian adiante.
No acto, Manuel Pena, director do festival, incidiu en que se programarán sesenta e cinco actividades en nove días, entre encontros, charlas, programas radiofónicos e proxeccións, que axudarán a “difundir a industria cinematográfica e a xerar un público con capacidade crítica”. Este ano, as persoas asistentes gozarán de 128 películas de 40 países diferentes do 6 ao 14 de setembro. Delas, 70 será a primeira vez que se proxecten en Galicia e 30, en España. As curtas poderán verse divididas en seis seccións: Internacional, España, Galicia, Panorama, Experimental e Retrospectiva- Nouvelle Vague. María Ruíz, Xefa de Produción do festival, salientou os encontros con persoas do eido audiovisual como Luís Zahera ou Xacio Baño, ademais das xornadas de radio en directo, as actuacións musicais, a Ruta das Tapas Cinco Estrelas, e as actividades programadas para o público máis cativo.
Jacobo Sutil, director da AGADIC, destacou que “vivimos nun momento moi produtivo para o sector audiovisual, que se manifesta tanto na presenza en festivais, como no cinema máis comercial” e “o FICBUEU medra ano a ano acadando un gran potencial”.
Por último, Victoria Alonso, deputada de cultura, fixo referencia á capacidade do festival para “reflectir a sociedade, pois nel atopamos curtas que reflexionan sobre o papel da muller, o colectivo LGTBI ou as redes sociais, que demostran que está a pé de rúa e que é inclusivo”.