O alcalde de Bueu destaca «o valor do mar» no 50º aniversario da Escola Marítimo Pesqueira
- O acto de celebración tivo lugar no Centro Social do Mar e nel participaron tamén alumnado do centro tanto na actualidade como no pasado, ademais doutras autoridades locais, provinciais e autonómicas
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este mércores, 16 de novembro, no acto do celebración do 50º aniversario da Escola de FP Marítimo – Pesqueira de Bueu, no que lembrou o labor deste “centro de referencia en Bueu ao longo de tantos anos, e que formou a moitas persoas nos oficios do mar que é o que nos alimenta”.
O acto celebrouse no Centro Social do Mar diante de alumnado e profesorado tanto actual como o que pasou pola escola nos últimos anos, ademais doutras autoridades locais, provinciais e autonómicas. Miguel Álvarez, director actual do centro, abriu o acto cunha enorme sensación de gratitude, “aos que están e aos que estiveron, e sobre todo aos alumnos e alumnas, que son a alma deste proxecto”.
A continuación foi a quenda das intervencións de tres ex alumnas, que emocionaron a todo o auditorio coas súas palabras e a narración da experiencia persoal. Carmen Tenorio lembrou que “sempre quixen dedicarme ao mar, e antes víao moi complexo, pero tiven a oportunidade de facer uns cursos nesta escola e agora estou ampliando a formación cun ciclo superior, e considero que é un luxo e que é marabillosa a oportunidade que se lle está dando ás mulleres”. Sonia Millos contou que “eu son cantante e pola pandemia tivemos que reinventarnos, de aí que fixese varios cursos do mar aos que estou moi agradecida”. E Yolanda Abreu fixo fincapé na necesidade de “formarse e reciclarse e incrementar as posibilidades de emprego no mar”.
María Jesús Lorenzana Somoza, Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, salientou que “o sector do mar constitúe a cuarta actividade económica da nosa comunidade, e por iso hai que incidir na formación, tanto para as persoas desempregadas como para as queiran buscar novas oportunidades, algo que facemos dende a Xunta de Galicia”.
E por último, o alcalde destacou que “Bueu é unha vila mariñeira e o noso desenvolvemento así o demostra”, pois “o mar é o que nos dá a vida, alimento e prosperidade e a formación é moi importante para poder acceder a mellores postos de traballo”. Juncal continuou apuntando que “grazas ao esforzo de todas as persoas que traballaron e traballan no mar, Bueu foi crecendo como pobo e sempre vinculado ao mar, como demostran vestixios da nosa historia, manifestados en lugares como o Museo Massó ou o Estaleiro de Purro”.
Juncal tamén fixo fincapé na importancia da incorporación das mulleres ao sector do mar, pois “creo que pouco a pouco fomos capaces de asumir que elas, ao igual ca noutros ámbitos, accedan a todos os espazos e avancemos na consecución da igualdade plena”. E o rexedor tampouco quixo esquecer a algunhas das persoas que pasaron pola escola, entre elas ao primeiro director da escola, Manuel Freire Lino.
O acto rematou coa proxección dun vídeo na Escola Náutica que recollía algúns dos momentos máis especiais destes cincuenta anos, que tamén se conmemoraron cunha alfombra floral elaborada pola Asociación Cunchas e Flores e que luciu durante a xornada na entrada do centro.