O alcalde de Bueu destaca a Conservas Lago Paganini como un dos motores de emprego na vila
- Félix Juncal participou nunha visita ás instalacións de Conservas Lago Paganini, unha das empresas máis grandes do polígono, onde puido coñecer de primeira man o proceso de produción
- O rexedor estivo acompañado doutros edís do goberno municipal, como Silvia Carballo, Xosé Leal e Agustín Gallego, ademais de Manuel Lago, xerente da empresa, e Pablo Vidal, responsable do departamento financeiro
- Juncal agradeceu aos responsables da fábrica, “porque continúan co compromiso de xerar economía e emprego na vila bueuesa, acollendo na actualidade a 140 persoas traballadoras”
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este venres, 2 de decembro, nunha visita ás instalacións de Conservas Lago Paganini, onde puido coñecer de primeira man o proceso de produción das conservas e o novo espazo no que se sitúa a empresa dende setembro de 2020. Juncal estivo acompañado por outros concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, como Silvia Carballo, Xosé Leal e Agustín Gallego, amais de Manuel Lago Yebra, xerente da empresa, e Pablo Vidal, responsable do departamento financeiro.
Esta visita parte dun convite que lle realizara o fundador da fábrica xa hai un tempo ao alcalde coa que se quería refrendar a colaboración entre as dúas entidades. O grupo de goberno foi recibido no día de hoxe nas instalacións situadas no Polígono Industrial de Castiñeiras, ás 9.30 horas da mañá, co obxectivo de ver de preto todos os procesos de conserva do peixe.
Juncal quixo agradecer ás familias e ás persoas responsables da fábrica, “porque continúan co compromiso de xerar economía e emprego na vila bueuesa” e tamén destacou “as instalacións fantásticas, que están preparadas para medrar de cara ao futuro”. Lago Paganini é unha das últimas grandes incorporacións ao Polígono de Castiñeiras, e actualmente dá emprego a 140 persoas, na súa maioría da comarca do Morrazo. Neste sentido, Juncal definiu a súa actividade como “moi importante e con moito peso na economía global, que tamén contribúe a que o noso concello sexa o de menor taxa de desemprego da comarca, cun 11% en outubro, o que supón a máis baixa da última década”. Ademais, o polígono é un dos motores estratéxicos do emprego na vila, pois constan máis de 700 persoas traballando nas diversas empresas, unha cifra que é probable que se poida incrementar de cara aos vindeiros anos, coa ampliación do parque e a duplicación do solo industrial dispoñible.
Despois da visita Manuel Lago quixo destacar “a implicación do alcalde e do Concello de Bueu en toda a tramitación que tivemos que levar a cabo cando trasladamos a nosa actividade para aquí”, ao tempo que puxo en valor a calidade dos produtos e a confianza nunha familia que leva máis de cen anos no mundo conserveiro.
Por último, Juncal tamén avanzou que o Concello de Bueu está traballando en dous proxectos simultáneos para incrementar as zonas de aparcadoiro e poder dar servizo aos centos de persoas que acoden cada día aos seus postos de traballo na zona. Así, con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra tramitarase un proxecto de creación dunha trintena de aparcadoiros nunha parcela próxima á ITV; e tamén se solicitou xa hai meses autorización á Deputación que permitiría habilitar máis de duascentas prazas de estacionamento en batería a ambos lados do vial.
Lago Paganini, a historia do mar en conserva
Pietro Motemerlo Botassi foi un emprendedor que chegou dende a localidade italiana de Xénova e fundou, en 1915, a fábrica de salazón Montemerlo que posteriormente pasaría a chamarse Conservas Lago Paganini, conserveira adicada á elaboración e distribución de productos do mar en conserva. Esta fábrica sumouse ás máis de 150 que había por toda Galicia nas que industriais de Italia e Cataluña sobre todo aproveitaron o potencial e a calidade das especies mariñas das rías, especialmente da sardiña, e idearon o sistema das conserveiras.
A familia Paganini tiña unha premisa moi acertada para a súa produción, “un peixe malo non se fai bo na lata”, e este é o motivo polo que só recibían as mellores materias primas, aquelas que estaban nas mellores condicións e as que lles permitían ofrecer os clientes conservas da máxima calidade. Esta premisa foi ben recibida por parte do mercado demandando os seus produtos, sobre todo as conservas de peixe azul como as sardiñas e as agullas, pero tamén as de mexillóns.
Ademais, nos últimos anos como parte da súa diversificación de negocio, Lago Paganini comezou a servir de punto de envasado de conservas de produtos de recente demanda como son as algas mariñas para outras marcas.
A empresa Lago Paganini caracterízase pola súa perseveranza así como pola súa capacidade de adaptación, de xeito que soubo rexurdir, en tempo récord, das súas cinzas tras o grave incendio que asolou, na madrugada do 18 de decembro de 2011, a súa antiga fábrica no peirao de Ojea. Posteriormente trasladouse a unhas instalacións temporais en Cangas, ata que no verán de 2020 asentouse na súa ubicación actual no Polígono de Castiñeiras.
Despois dun gran investimento, a nova nave na que se atopa a conserveira ten unha superficie útil de 4000 metros cadrados, distribuídos en tres alturas, a planta baixa que se destina o almacenamento, distribución e labores de encaixado. O piso intermedio que esta a nivel da estrada, e constitúe a fachada principal da empresa, Ademais esta planta alberga a nave de produción, maquinaria e vestiarios do persoal. As dependencias de Conservas Lago Paganini complétanse cun terceiro andar, destinado a despachos xerais e de dirección, así como a sala de reunións.
Froito dese investimento tamén se ampliou a maquinaria, e automatizáronse algúns procesos coa instalación dun cocedoiro en continuo sen a necesidade de suprimir postos de traballo. Así mesmo, melloráronse as condicións laborais das persoas traballadoras, instalando climatización na planta de produción e sistemas contra incendios para unha protección adecuada as normativas do ano 2022.
Lago Paganini puxou por construír a súa nova fábrica en Bueu, permitíndolle manter e aumentar o nivel de emprego chegando a ter 140 traballadoras nunha ampla maioría mulleres, entre a planta de produción e as oficinas.
Dentro do seu obxectivo por ser unha empresa innovadora que se adapta as demandas que van xurdindo, Lago Paganini apostou pola enerxía renovable e dotouse da maior central fotovoltaica do Morrazo con 400 paneis fotovoltaicos de 184 kwh, e substituíndo a caldeira de gasóleo por unha de gas natural. Así mesmo, atópanse inmersos no proceso de cambio do material dos seus envases ao aluminio, por tratarse dun material menos contaminante.