O alcalde de Bueu apela á responsabilidade cidadá para continuar coa baixa de casos por Covid-19
- Félix Juncal participou este xoves, 21 de xaneiro, nunha nova reunión telemática cos responsables da Consellería de Sanidade, na que se valorou a situación epidemiolóxica na vila
- Segundo os datos da Xerencia da EOXI Pontevedra – Salnés, hoxe constan 37 casos activos por Covid-19, tres menos ca onte
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou este xoves, 21 de xaneiro, na reunión telemática convocada pola Consellería de Sanidade co fin de valorar a evolución epidemiolóxica da Covid-19, debido a que o concello se atopa dende comezos de decembro en alerta máxima. Na xuntanza tamén estiveron os alcaldes e alcaldesas dos municipios de Pontevedra, Poio, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cuntis, A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña, e o xerente da EOXI Pontevedra – Salnés informou de que a evolución dos casos na vila bueuesa “é positiva”.
Segundo os datos facilitados pola Xerencia, no día de hoxe constan 37 casos activos por Covid-19 en Bueu, e a incidencia acumulada a 7 días é de 125 por cada 100.000 habitantes, e a 14 días, de 250. En canto ao cribado xeral realizado a pasada fin de semana, das 5.963 mostras de saliva procesadas constan 10 casos positivos, aínda que faltan por coñecer os datos das probas de PCR que se realizaron ás persoas maiores de 70 anos. Félix Juncal valorou positivamente a colaboración entre o Concello e o Sergas e a participación, cunha porcentaxe que supera o 80% “e que nos permite testar a nosa situación, ao tempo que se comproba o compromiso da cidadanía”. O rexedor apunta que, aínda que a evolución sexa esperanzadora, debe servirnos para “reafirmarnos a seguir observando de forma permanente todas as medidas, algo que debe facerse por auto convencemento, de xeito que se facilite o traballo das diversas administracións”.
Bueu continúa, pois, en alerta máxima, o que implica que as reunións serán dun máximo de 4 persoas, o toque de queda fica ás 22 horas, o horario de peche do comercio fíxase ás 21,30 horas, e a hostalería e restauración poderá abrir ata as 18 horas, pero só con atención en terrazas, ou con entrega a domicilio sen límite. Ademais, a mobilidade non se permitirá máis aló do municipio, quedando illados de xeito individual.
O rexedor lembra que “a situación é moi complicada, está producíndose un incremento notable no número de contaxios a nivel xeral, das persoas hospitalizadas nas UCI e das de estado crítico, unha presión á alza que nos debe servir como mostra da realidade que temos a día de hoxe”. Por iso, continúa Juncal, “debemos seguir esforzándonos ao máximo por manter ou baixas as ratios de contaxios, coa esperanza posta no incremento da intensidade de vacinación, co fin de contar cunha ampla maioría da poboación inmunizada, momento a partir do cal notaremos un cambio nesta nova normalidade que nos tocou vivir”.