O 1º Trail do Nocedo, unha iniciativa para unir o deporte co patrimonio de Beluso
- O Parque Joe Novas será o punto de saída e chegada do trail e do trailiño o próximo domingo
- A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 176 persoas
A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), en colaboración coa Comunidade de Montes de Beluso e o Concello de Bueu organizan o próximo domingo, 27 de marzo, o 1º Trail do Nocedo, un proxecto no que levan moitos meses traballando e co que agardan dar a coñecer o patrimonio máis descoñecido da parroquia bueuesa ao tempo que fomentan o deporte máis activo. Así o destacou Marcos Torres, presidente do colectivo, na rolda de prensa celebrada este venres no Concello de Bueu, na que estivo acompañado de Noelia Cortizo, tesoureira do colectivo, de Félix Juncal, alcalde de Bueu, e de Ricardo Verde, concelleiro de deportes.
O alcalde salientou que “estamos convertendo Bueu no maior parque temático do mundo, pois o noso territorio é o ben máis prezado, e do que xermolan proxectos tan interesantes coma estes, nos que se fusionan os recursos naturais coa cultura e a etnografía”.
A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 25 quilómetros e 1200 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 10.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as 60 persoas inscritas para a modalidade do trail e as 116 do trailiño. A organización prevé varios trofeos, concretamente para o 1º clasificado/a na absoluta do trail, para os tres primeiros postos clasificados no veterán 50 e veterán 40 do trail, e para os senior trail, trailiño e por equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.
Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois os deportistas pasarán durante o percorrido por seis áreas patrimoniais e culturais da parroquia de Beluso, como a batería militar de Udra, a salga de Mourisca, os Muíños do Nocedo, a praia de Area de Bon, os Petróglifos de Abelaires e os chouzos de pastores. Nesas zonas haberá, grazas á colaboración do Concello, unha escenografía cun grupo de figurantes representando os costumes de distintas épocas. Como explica Noelia Cortizo, tesoureira de Asbel, “queremos poñer en valor a enorme riqueza natural e cultural da parroquia”.
A xornada estará amenizada por Abraham Martínez, xornalista deportivo que actualmente desempeña o seu traballo no Diario AS, e ten participado como speaker en eventos de ciclismo, atletismo, trails, traiñeiras, ademais de estar como locutor de vídeos para Teledeporte e a TVG.
E, como xa vén sendo habitual na actividade da asociación, este evento contará cunha parte social. Por iso, a Asociación Protectora de Animais do Morrazo dispoñerá dun posto de venda para recadar fondos, e os trofeos foron elaborados pola Asociación Juan XXIII de Cangas.
Para rematar, o rexedor da vila fixo fincapé en que “para o Concello é moi importante contar con estes eventos que ofrecen á sociedade un momento de ledicia e aventura, sobre todo cando perseguimos a nova normalidade”.