Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O concello remata as obras de rexeneración de ermelo

A obra realizouse con cargo ao Plan de Obras e Servizos (PPOS 2016) da Deputación de Pontevedra // O alcalde
anunciou esta mañá durante a visita ás obras que o Concello dotará o espazo de bancos, marquesiña e
iluminación.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou hoxe as obras de rexeneración da contorna de Ermelo, acompañado polo
concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, e polo deputado de cultura e lingua, Xosé Leal. No acto avanzouse que as
obras, que se realizan con cargo ao Plan de Obras e Servizos (PPOS 2016) da Deputación de Pontevedra, estarán
culminadas esta semana. Ademais, o alcalde declarou que nas vindeiras semanas o Concello dotará o espazo de bancos,
marquesiña e iluminación para complementar esta actuación.
A obra, acometida pola empresa Rocas Graníticas del Condado cun custe de 77.000 €, incluíu a substitución do
pavimento de asfalto por outro de mestura entre o adoquín e o enlousado de granito, co que se busca unha
revalorización deste núcleo histórico tradicional e cerne do Morrazo. Neste sentido, os tendidos eléctricos tamén foron
soterrados e creouse unha canalización, tamén soterrada, para a recollida de augas pluviais.
Con motivo de inaugurar esta obra, dende o Concello de Bueu estase organizando un acto especial do que se darán a
coñecer detalles nos vindeiros días.

Unha aldea con moita historia
A revalorización do entorno da Igrexa de Ermelo responde tamén á recente recuperación da súa memoria. Esta antiga c
onstrución constitúe un dos vestixios que aínda se conservan do antigo mosteiro. No 1104, posiblemente despois dun
ataque normando no que o templo foi destruído, foi restaurado por mediación do arcebispo compostelán Diego Xelmírez
e cambiou a súa advocación a San Bieito pola de Santiago. A edificación actual é froito da nova restauración realizada en
1774 con recursos do mosteiro de San Juan de Poio, onde estaba integrada. No seu interior destaca a pía bautismal
decorada cunha cruz románica no relevo. A súa estrutura é de sillería irregular e na fachada represéntase unha espadaña
barroca.