Nieves Neira proclámase gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo
A xornalista luguesa Nieves Neira resultou gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada ‘A fotógrafa, revelada’, publicada no Diario de Pontevedra o 15 de marzo de 2019. O xurado reuniuse este domingo ao mediodía e estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador do certame na pasada edición. Na acta, o xurado salienta “a presentación do tema desta reportaxe, a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes”. Así mesmo, o texto consegue retratar moi ben a vida de Maruja Roca, unha pioneira da fotografía galega, e o seu contexto.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público este luns pola tarde, logo da reunión do xurado.
O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey …