Miguel Nuño Vázquez entrega ao Concello de Bueu un novo tomo coa historia do seu pai, o cirurxián José Nuño Gallas
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores pola tarde un recibimento a Miguel Ángel Nuño Vázquez – Garza, no que se fixo entrega dun novo volume da extensa obra dedicada aos Aldaos do Pazo do Casal. Despois de que hai uns meses agasallase ao consistorio co dedicado ao seu avó, nesta ocasión foi o do seu pai, o cirurxián don José Nuño Gallas.
Segundo explica o propio autor, a obra é o relato da vida de Nuño Gallas dende o nacemento e infancia na localidade mexicana de Torreón e a volta a España con fitos como a fundación do Sanatorio Nuestra Sra da Mercede ou a súa consulta en Pontevedra, na compañía da enfermeira Benita Rodríguez Domínguez. A través deles, a medicina elevouse ao seu máis alto nivel e tamén se tivo moi en conta ás persoas máis humildes e desfavorecidas.
Miguel Ángel Nuño Vázquez – Garza impartira en Bueu o ano pasado unha conferencia relativa ós Aldaos do Pazo do Casal en Bueu, froito de varios anos de investigación sobre o último dos Aldaos da vila e o seu fillo non recoñecido legalmente que fixo que o apelido pasase de Aldao aos Nuño …. Desa extensa obra, que abarca máis dunha decena de tomos inéditos, xa doou ao Concello algún volume, como o dedicado ao seu avó Lope Nuño Gómez, e agora o do seu pai.
Félix Juncal, alcalde da vila, agradeceu esta cesión “porque sempre é importante incrementar os fondos da nosa historia”. No acto estiveron presentes concelleiros e concelleiras da corporación municipal, ademais de Belarmino Barreiro, arquiveiro, e Arturo Cidrás, investigador local.