María López Correa gaña o IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares
-
O xurado, que se reunión este mércores, estivo composto por Marta Currás, María del Carmen Caramés e Carlos Freire
-
O relato “As fillas da Manola” realza a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres
A viguesa María López Correa resultou gañadora do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares co relato “As fillas da Manola”, composto por catro historias de diferentes mulleres emparentadas entre si, unidas pola soidade ante os atrancos das súas vidas. Nelas reálzase a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres. Así o destacou o xurado que se reuniu esta mércores nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e que estivo composto por Marta Currás, María del Carmen Caramés e Carlos Freire, os tres con experiencia no panorama literario, e actuando como secretaria a directora do CIM, Montserrat González.
Este certame, dotado con 1.500 €, iniciouse no 2005 coma unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida na vila que ademais foi promotora de actividades culturais e grupos de teatro. Ademais, o concurso busca promover a reflexión e o debate arredor da igualdade entre homes e mulleres e da necesidade doutros relatos que reivindiquen novas formas de escribir a historia.
Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a varias persoas destacables no campo da cultura. Na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato Dúas cunchas; seguidamente, Xurxo Sierra Veloso, con As dúbidas de María; Xosé Alfredo Naz Fernández, con Círculo, Serafín Parcero Pérez, con Ollos de cinsa; María del Carmen Caramés Gorgal, con Días de namorar e Lola, e Alexandre Alonso Alonso con Xénero imperfecto.
Algunhas notas biográficas sobre o xurado
Marta Currás naceu en Madrid no 1975, aínda que ten moita vinculación coa vila bueuesa, onde de cativa pasou algúns veráns. Bióloga de profesión, ten a literatura como paixón, e por iso publicou o libro Templados por el sol, mecidos por el viento, merecedor do Premio Círculo de Lectores 2018. Ademais, ten sido finalista en diversos concursos de microrrelatos e contos.
María del Carmen Caramés é natural de Santa Comba aínda que desde fai anos desempeña a súa labor profesional nun instituto de Santiago. Na súa faceta literaria conta con multitude de premios, entre os que se atopan o Certame de Relatos de Muller Matilde Bares en dúas ocasións, coas obras Días de Namorar e Lola, e o Premio Johán Carballeira de Poesía no 2014 por Dos días escuros. A súa recente novela titúlase A Madriña.
Carlos Freire é autor da novela Acio Sanguento, dos volumes de relatos Acompañamento para fuga e Todo sobre o fútbol galego e do libro infantil O misterio do lixo mutante. Recentemente, vén de rematar unha novela inspirada na illa de Ons.