Marcos Abalde Covelo gaña o XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía
- O xurado valorou o poemario ‘Alcatrán’ polo traballo léxico, que canaliza as historias persoais coa colectiva, e que dignifica o local
- O poeta farase cun premio de 1.500 euros e a edición do libro da man da Editorial Xerais
Marcos Abalde Covelo resultou gañador do XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario titulado Alcatrán. O xurado reuniuse este luns pola tarde e estivo conformado por Arancha Nogueira, poeta e gañadora da pasada edición, Mercedes Queixas, escritora e mestra de lingua galega, e Lara Dopazo, poeta marinense, quen salientaron que se trata dun poemario “cun gran traballo léxico, que canaliza as historias persoais coa colectiva, e que dignifica o local”. Así mesmo, os versos destacan pola súa concisión, e por unha unión perfecta entre fondo e forma. Na acta, o xurado quixo mencionar tamén outra obra, Invernía, que chegou ata o final e que consideran tamén de gran calidade.
O poemario erixiuse gañador de entre os preto de sesenta traballos presentados ao certame nesta modalidade, polo que o autor se fará cun premio de 1.500 euros e a publicación da man da editorial Xerais. Este certame, que naceu coma unha homenaxe ao escritor e político Johán Carballeira, ten premiado a autores e autoras como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey…
Por outra banda, este domingo anunciouse tamén a persoa gañadora na categoría de xornalismo do certame, que resultou ser a luguesa Nieves Neira coa reportaxe ‘A fotógrafa, revelada’, publicada no Diario de Pontevedra e na que retrata a vida da fotógrafa pioneira na Galiza Maruja Roca.