Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía
- O xurado destaca que a obra “831-Urb” é unha distopía cunha forte narratividade híbrida que ensaia unha forma de poesía híbrida e metamórfica
- O autor farase cunha dotación económica de 1.500 euros e a edición do poemario da man de Xerais
- O venres desta semana decidirase a proposta gañadora do certame na categoría de xornalismo
Manuel López Rodríguez resultou gañador do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario “831-Urb”, que salientou de entre as cincuenta e tres obras presentadas. O xurado, que se reuniu este martes, 25 de abril, estivo conformado polas poetas e profesoras, Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. Na acta, o xurado destacou que “é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”. Así mesmo, a obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén coma unha aventura de disfraces”.
Manuel López é un poeta de Noia, que cofundou o “Colectivo Literario Sacou”, da A.C Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións, alén de participar en revistas e volumes colectivos. A súa obra mereceu numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o Eduardo Pondal, o López Ardeiro, o Rosalía de Castro, o Francisco Añón do Concello de Outes, ou o Lueiro Rey, entre outros.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.
Este certame, convocado polo Concello de Bueu dende hai vinte e seis anos, ten premiado poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde …
Por outra banda, este venres reunirase o xurado que decidirá a proposta gañadora da categoría de xornalismo.