Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

SonRías Baixas

O Festival SonRías Baixas nace no ano 2001 da man da Asociación Troula na Banda, na pista deportiva de Banda do Río e foi medrando pouco a pouco ata converterse nun festival moi ambicioso na contorna das Lagoas. Neste tempo, e sobre todo nos últimos anos, foron pioneiros á hora de organizar actividades paralelas para unir música e gastronomía nunha vila mariñeira como é Bueu.

O Festival SonRías celébrase todos os anos na primeira fin de semana de agosto, e nestes anos teñen pasado artistas e grupos como Estopa, Dubioza Kolectiv, Zoo, Arco, Amparanoia, Sés, Todos Tus Muertos, Narco, Dakidarría, Heredeiros da Crus, Los Enemigos, Toy Dolls, Albert Plá o Arizona Baby ou Los Coronas, entre outros moitos.

Acceder á web : Sonríasbaixas

Ficbueu

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu nace en 2008 coma un espazo de difusión da cultura cinematográfica en formato curto. A crecente creatividade detectada en Galicia, en Europa e no resto do mundo, non se correspondía coa limitada oferta da nosa contorna, copada polas producións comerciais, as grandes distribuidoras e os países desenvolvidos. O FICBUEU chega para abrir unha fiestra cara ese cinema local e internacional de calidade a cotío vetado ao gran público. Ás proxeccións habituais das curtas únense diversas actividades paralelas, como rutas de tapas de cine, contacontos para a rapazada, charlas cos e cas cineastas, conferencias…

As curtas recibidas anualmente teñen superado as 2000, o que demostra a madurez dun festival que naceu sendo local pero pensando en internacional.

Acceder á web : FicBueu

Festa do Polbo

A Festa do Polbo de Bueu nace no 1999 coa finalidade de dar a coñecer un dos produtos estrela da nosa vila, o polbo, que se pode presentar de diversas e variadas formas. Desde o comezo, esta festa contou coa participación dalgúns dos principais restaurantes da vila, que teñen preparado este cefalópodo de moitas formas, que combinan as máis tradicionais coas novidosas: polbo á feira, polbo con fabas, en empanada, en caldeirada, ovos recheos de polbo, pizza, wok… Estas especialidades cambian ano a ano segundo os locais que se presenten.