Festas
Festas do Carme
A festividade do Carme (16 de xullo) conta cunha grande tradición nos pobos mariñeiros, tal coma Bueu, vila na que esta celebración destacou desde comezos do século XX. Nun primeiro momento celebrábanse separada da das Dores, pero despois pasou a asociarse ás do Carme.
Esta festa tivo desde sempre unha importancia relixiosa e festiva. Así neses inicios asume o protagonismo a misa cantada seguida dunha procesión que, dende o alto da igrexa parroquial, percorría a vila ata baixar á praia, lugar onde se atopaba a vella capela dedicada a San Xosé. Alí pernoctaba a virxe ata o día seguinte, cando era devolta de novo en procesión ao seu lugar orixinario.
E desde sempre, sobre todo no ano 1930, clave nas festas do Carme, as actuacións musicais gozaron de grande importancia.
As festas aquí celebradas foron a inspiración de moitos intelectuais da época, como Ramón Otero Pedraio que eloxiara así a festa e o pobo buenense: “Quen poidera pasar un aniño enteiro, sen faguer outra cousa que suprender a chegada do outono, frol do viño nas parreiras, e todal’as palpitacións de forma psíquica, de graza e malencolía no ollar da boa xente mariñeira e labrega de Bueu! Para ilo anotando n’un caderniño e facer un libro que se non pubricaría endexamais para que non o morderan os aires do mundo”.
Festa das Alfombras do Corpus
No municipio de Bueu, a celebración da festa do Corpus remóntase ao século XVII. A partir da documentación máis antiga atopada na parroquia –libros da Confraría do Santísimo Sacramento dende 1740- dedúcese que xa existía con anterioridade.
Durante todo este tempo, a procesión que se realiza despois da misa evolucionou moito, tanto no seu percorrido como nos elementos empregados na mesma. Nun principio, o Santísimo limitábase á igrexa, onde había rodas de adoración por parte dos fregueses. Despois, esta ampliouse cunha procesión arredor do adro da igrexa, e con posterioridade, ás zonas próximas.
Con todo, e malia a súa antigüidade, o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, unha vez que se asfalta o camiño de Ramón Bares. Unha das costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as tradicionais carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.
No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese a máis visitantes.
Hai que salientar que a Festa das Alfombras do Corpus de Bueu foi declarada Festa de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017 xa conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Festa do Millo Corvo
A Asociación Cultural Meiro comezou a celebrar no 1998 esta festa que ten como finalidade recuperar a variedade do millo negro que se deixou de empregar fai décadas, e que constituía un revulsivo moi importante da vida da aldea. Así, coa chegada da primavera, a aldea de Meiro celebra este encontro – degustación no que se realza todo o ciclo anual, dende a preparación do terreo ata a recollida do millo e moído con técnicas tradicionais.
Nesta festa gastronómica, que conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia, os e as asistentes Terán a oportunidade de probar una gran variedade de produtos elaborados con fariña de millo corvo (pan, tortas, empanadas …), ademais de poder gozar de obradoiros, exposicións, charlas, degustacións, actuacións musicais, rutas guiadas, contacontos, proxeccións, nunha gran festa que é a exaltación do patrimonio inmaterial de Bueu.
Festa de San Martiño de Bueu
A festividade de San Martiño, patrón de Bueu, celébrase o 11 de novembro e marca o inicio dos fríos do inverno e o punto de saída á tradición da matanza do porco. De aí o dito de «A todo porco lle chega o seu San Martiño». Esta festa inclúe unha parte festiva e outra relacionada co culto relixioso.
Festas dos Dolores de Cabalo (Beluso): é unha festa que se celebra no mes de setembro, con motivo da festividade da Virxe dos Dolores.