Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xornadas sobre Otero Baena

Evento xa rematado

  • O Centro Social do Mar acollerá ás 20 horas a proxección dun documental sobre o artista e unha mesa redonda

O Concello de Bueu organiza este venres, 19 de xullo, unhas xornadas sobre José Benito Otero Baena, ‘Pepé’, que terán lugar ás 20 horas no Centro Social do Mar. Ao inicio do acto proxectarase o documental «Otero Baena. O pintor sen pinceis», que foi elaborado a instancias do Concello de Bueu o pasado ano con motivo da convocatoria da primeira edición do Certame Otero Baena para Artistas Noveis. A continuación haberá unha mesa redonda, na que participarán Carmen García, concelleira de cultura, Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, Elena Bangueses, Antón Sobral, estes dous artistas.

O Concello de Bueu leva varios anos reivindicando a figura de Otero Baena, coa colaboración da familia. Falecido no ano 2017, era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.

Para poñer en valor o seu labor, o Concello descubriu no 2022 unha placa que se colocou na vivenda do autor na rúa Eduardo Vincenti nº9, moi preto da Casa Consistorial. O pasado ano creouse un certame co obxectivo de fomentar a creación artística entre artistas noveis, e tamén como unha forma de seguir reivindicando ao artista.