Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Semana da Cultura Mariñeira

Evento xa rematado

O Concello de Bueu organiza a Semana da Cultura Mariñeira, que traerá actividades a Bueu entre o vindeiro 13 e o 19 de xullo organizadas tanto pola entidade local como por colectivos coma Os Galos, e nos que participan outras asociacións da vila. O Estaleiro da Banda do Río acollerá o groso das xornadas “Vive o Mar” dos Galos desde o luns e que xunto ao concerto de Sés o 15 de xullo e a homenaxe a Staffan Mörling do 19 de xullo serán das actividades máis destacadas nun programa amplo e variado onde primará a seguridade das persoas participantes.

As entradas para o concerto do día 15  de xullo terán que retirarse a través da plataforma www.enterticket.es a partires do vindeiro luns ás 8:00 horas, puidendo facerse ata un total de dúas por persoa, sendo a apertura de portas na zona de Montero Ríos anexa ao Centro Social do Mar ás 21 horas e comezando o concerto ás 22:30 horas. Prevese contar cun aforo de 360 butacas que estarán perfectamente desinfectadas e separadas.

Os Galos, ao non poder organizar este ano o seu habitual encontro de embarcacións tradicionais, decidiron levar a cabo co patrocinio do Concello o seu programa “Vive o Mar”. No mesmo destacan as xornadas de portas abertas no asteleiro nas que de 19 a 21 horas farán traballos de mantemento do bote polbeiro Vila de Bueu toda a semana. Nesta actividade buscan a participación da xente que poderá colaborar na execución das melloras necesarias para que a nave salga ao mar. Ademais disto farán o luns a presentación da revista “Os Galos”no asteleiro; o martes 14 ás 11 horas un obradoiro para a cativada titulado “A fasquía da chalaniña”, no que poderán facer embarcacións en miniatura e o día seguinte será o turno do de “As cores da chalaniña” á mesma hora ; tamén o mércores farán unha visita guiada pola mostra do museo Massó “Crecer o mar” ás 12 horas; o xoves 16 navegarán pola enseada de Bueu; o 17 de xullo ás 12 horas terá lugar o obradoiro “Atando cabos” no museo Massó; o sábado 18 botarase ás 17 horas o “Vila de Bueu” e ás 21 horas será o turno dunha largada de rapeta na praia da Banda do Río; finaliza a actividade dos Galos o domingo coa súa participación na homenaxe a Staffan Mörling na que estarán presentes o multifacético Xurxo Souto e a banda de gaitas Manxadoira.

O programa completo das xornadas tamén inclúe rutas mariñeiras a bordo do Chasula o martes e o mércores para as que é preciso inscribirse en comunicacion@concellodebueu.gal; verbena o xoves 16 con Distrito 7 no exterior do Centro Social do Mar ás 22:30, e ao día seguinte ás 22:00 un concerto do grupo folc Arxe no mesmo lugar; a Banda de Música de Bueu tocará no día do Carme, a charanga OT no das Dores; e Retrouso e cantos de taberna o sábado 18 amenizarán de mañá e tarde diversas rúas da vila; tamén haberá posibilidade de gozar co deporte de mar con exhibicións de remo ergómetro por parte do Club do Mar Bueu.