Saída cultural á exposición sobre Otero Baena
Evento xa rematado
-
Data
30 noviembre, 2024
-
Hora
10:00 am - 12:30 pm
- A actividade terá lugar o 30 de novembro e as persoas que queiran anotarse no autobús poderán facelo de balde no Concello
O Concello de Bueu organiza o próximo 30 de novembro unha saída cultural para que as persoas que o desexen poidan asistir á visita guiada pola exposición “José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis”, que ata xaneiro se pode ver no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O autobús sairá de Bueu ás 10 horas con regreso ao mediodía, e as persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente no enderezo electrónico cultura@concellodebueu.gal, no teléfono 986390029 (ext. 2) ou de forma presencial no 2º andar da Casa Consistorial.
A exposición dedicada ao artista, que foi alcalde de Bueu entre 1971 e 1979, percorre sete décadas da súa traxectoria, desde 1949, cando contaba con 24 anos de idade, ata 2016, un ano antes do seu falecemento. Precisamente, na visita guiada participarán familiares do propio Otero Baena, polo que será unha oportunidade de coñecer de preto a forma de traballar do artista e outras curiosidades.
Compoñen a exposición 39 obras procedentes de coleccións particulares, agás unha chegada do Museo Massó. Son óleos sobre táboa, óleos sobre lenzo e debuxos sobre papel, organizados cronoloxicamente nun percorrido que arranca coas súas primeiras paisaxes con pincel, na estela do seu admirado William Turner, ata que moi pronto abandona este instrumento para pasar a empregar exclusivamente a espátula.
Un traballo de recuperación da súa figura
O Concello de Bueu leva anos traballando na recuperación e visibilización da figura de Otero Baena da man da familia e co obxectivo de dalo a coñecer tanto entre a veciñanza da vila como ás persoas visitantes. Ese traballo arrancou en xullo de 2022 coa descuberta da placa na súa vivenda en Eduardo Vincenti, 9, moi preto da Casa Consistorial. Xa no 2023 tivo lugar a posta en marcha do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis, no que se presentaron cincuenta e dous traballos e que supuxo todo un revulsivo para este concurso que se convocará cada dous anos. Precisamente, en xuño dese ano e coincidindo co seu centenario, organizouse unha exposición dos traballos finalistas do certame e que contou cunha gran asistencia de público. Xa este ano, o 19 de xullo tiveron lugar no Centro Social do Mar unhas xornadas nas que participaron Carmen García, concelleira de cultura, Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, e os artistas Elena Bangueses e Antón Sobral.
Otero Baena destaca polo seu manexo da espátula, instrumento co que realiza as súas obras máis características, nas que representa escenas mariñeiras da súa localidade natal, cun interese especial polas embarcacións tradicionais e un uso moi persoal da cor. Mantería ese interese ao longo do tempo, aínda que despois da paréntese creativa á que o obrigou o seu labor como alcalde e as súas ocupacións laborais, cando retomou a pintura a finais dos anos 80, o seu estilo evolucionou aos tons suaves e unha constante procura da luz. Ao final da súa vida, buscou con determinación a sinxeleza, en paisaxes nas que está ausente todo o superfluo. Todas esas etapas están representadas na exposición, na que tamén se pode ver un vídeo sobre o artista realizado polo Concello de Bueu con motivo da celebración do I Certame de pintura Otero Baena para artistas noveis.