Presentación libro: Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo
Evento xa rematado
-
Data
28 febrero, 2019
-
Hora
Evento todo o día
-
Sala Amalia Dominguez Búa
Eduardo Vincenti, 2 36930 - Bueu
Bueu acollerá o 28 de febreiro a presentación do libro Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo, obra publicada pola editorial Galaxia froito da iniciativa da Deputación de Pontevedra. Coa coordinación da escritora Inma López Silva, o libro recompila as reflexións e vivencias de oito mulleres que traballan en distintos eidos sobre a histórica xornada do pasado 8 M e sobre as súas propias experiencias de ser muller nunha sociedade machista. O acto de presentación terá lugar na Sala Amalia Domínguez Búa ás 20:00 horas, e será de afluencia libre ata completar aforo.
Oito olladas sobre a folga feminista é unha obra colectiva que está xa colleitando un notable éxito e xa vai pola súa segunda edición. Para dala a coñecer entre a cidadanía, a institución provincial realizou unha xira de presentación por toda a provincia. Tras o seu paso por Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Baiona, Redondela, Salceda de Caselas e Ponteareas, a xira rematará en Bueu este xoves, 28 de febreiro.
O libro está coordinado pola escritora Inma López Silva, de quen partiu a idea de contactar con oito mulleres galegas que traballan en distintos eidos para plasmar as súas experiencias arredor da histórica xornada do 8 de marzo. As mulleres que ofrecen as súas olladas, vivencias e reflexións nesta obra colectiva son: a propia López Silva, a xuíza Paz Filgueira, a matrona Susana Iglesias, a xornalista Susana Pedreira, a profesora e fotógrafa Ana Fresco, a funcionaria Sarai González, a estudante Sandra Núñez e a libreira Mercedes Corbillón. Todas elas amosan experiencias moi similares, case idénticas, e relatan de xeito sincero a experiencia de ser muller nunha sociedade machista.
No acto en Bueu intervirá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a coordinadora do Libro, Inma López Silva, e varias autoras.